Declarado nulo o despedimento dunha traballadora de IMFutuRe por estar embarazada
A empresa Integral Management Future Renewables S.L terá que readmitir de forma inmediata á traballadora que despediu por estar embarazada, ademais de indemnizala con 7.501 euros e abonarlle os salarios de tramitación desde a data de despedimento até a súa efectiva readmisión.
Así se recolle na sentenza que vén de emitir o Xulgado do Social nº2 de Santiago de Compostela, na que se declara nulo o despedimento porque “hai datos relevantes que permiten deducir, obxectiva e razoablemente, que o despedimento obedeceu o seu estado de muller embazada”.
Discriminación por razón de sexo
A sentenza tamén considera acreditado que ao tempo do despedimento, novembro de 2021, a traballadora estaba no segundo trimestre de xestación e que desde xuño IMFutuRe tiña coñecemento dese feito. De feito sinala que en outubro de 2021 a traballadora estaba de baixa por IT por mor do embarazo a apunta o escaso tempo que media entre o inicio da súa IT e a comunicación do cese da relación laboral.
Considera pois que “a extinción do seu contrato vulnerou o dereito fundamental a non ser discriminada por razón de sexo”. Entende que houbo “dano moral implícito na lesión do dereito fundamental” e conclúe que a situación xerada constitúe “unha falta moi grave en materia de relacións laborais” que sanciona con 7.501 euros.
Discriminación das mulleres no mundo do traballo
A CIG valora positivamente a sentenza e considera lamentábel estas prácticas empresariais discriminatorias que penalizan ás mulleres por ser nais. Prácticas que non penalizan do mesmo xeito aos traballadores porque presupoñen que, ademais do embarazo, serán elas quen terán que facerse cargo dos coidados.
En pleno século XXI e con toda a lexislación que hai en materia de igualdade, que se sigan producindo este tipo de situacións é cando menos indignante. A central sindical lembra que é obriga das empresas contar cun plan de igualdade no que se contemplen, entre outras, medidas para evitar calquera práctica discriminatoria contra as traballadoras.
A CIG ten claro que a negociación e implantación de plans de igualdade, así como as campañas de concienciación seguen sendo necesarias, máis cando aínda hai empresarios/as que pensan que os dereitos de conciliación son unha carga para a empresa. Así se entenden datos como os que se veñen de publicar a respecto da grave crise demográfica que padecemos que demostran quen pon as trabas para que as mulleres acaben preferindo non ter fillas/os nun mundo laboral que é para elas máis precarizado, con salarios máis baixos e con todo tipo de penalizacións adicionais polo feito de ser mulleres.