Declaran nulo o despido dunha traballadora de Abeiro Gold por vulneración do dereito de liberdade sindical

A empresa, que xestiona unha residencia de maiores en Lugo, terá que readmitila e pagarlle os salarios

Lugo -

O Xulgado do Social número 1 de Lugo vén de declarar nulo o despedimento dunha traballadora da limpeza da residencia de maiores Abeiro Gold ao entender que a empresa vulnerou o dereito fundamental de liberdade sindical. A sentenza establece a readmisión da afectada, que tamén cobrará os salarios de tramitación dende a rescisión do contrato e até que volva ao seu posto.

Dende a CIG-Servizos de Lugo-A Mariña valoran moi positivamente unha decisión xudicial “que revoga a vulneración dos dereitos desta traballadora e repara os prexuízos que a decisión supuxo para a afectada”. 

A UGT non só non apoiou a loita, senón que dúas das súas delegadas participaron no xuízo como testemuñas da empresa

Ao mesmo tempo, lembran que o despido fai parte do pulso que a dirección lle está a botar á representación da CIG na empresa pola súa loita en defensa dos dereitos do cadro de persoal, “dereitos que antes das eleccións sindicais incumpría reiteradamente en cuestións como carteleiras anuais, licenzas retribuídas como os seis días de asuntos propios, funcións, etc”.

Campaña de mobilizacións

Como consecuencia desta política de represión sindical, a CIG puxo en marcha unha campaña de mobilizacións para denunciar a actitude da dirección e reclamar a readmisión tanto desta traballadora como doutro compañeiro (candidato da central) que tamén foi despedido, e que nestes momentos se atopa á espera de sentenza.

Finalmente, critican a posición da UGT, “que con catro representantes no comité non só non apoiou esta loita sindical senón que dúas das súas delegadas participaron no xuízo como testemuñas da empresa”.

Volver