Defender a nosa industria para termos futuro

A crise de Alcoa, Ferroatlántica e térmicas amosa a necesidade dun Plan Galego de Política Industrial

Nacional -

O índice de produción industrial segue en caída libre e nos seis primeiros meses de 2019 acumula unha diminución do 7%. Este é un dos indicadores que evidencian a situación crítica da actividade manufactureira e enerxética en Galiza, que pasou de representar un terzo da economía do país a quedar no 25% e que enfronta novas ameazas tras a confirmación da venda do complexo de Ferroatlántica a un fondo estadounidense, o anuncio de Alcoa de parar 32 cubas de electrólise, a inactividade da central das Pontes e Meirama e a falta dun novo marco enerxético.

Dende 2008, en Galiza perdéronse preto de 50.000 empregos na industria, aceleráronse os procesos de peche e deslocalización en sectores estratéxicos, e recortouse a produción e as condicións salariais e laborais baixo o mantra de ‘gañar competitividade’.

Neste tempo, o Goberno de Feijoo limitouse a manter unha fraudulenta postura reivindicativa, sen vontade de exercer as competencias en materia industrial e utilizar no beneficio do país os recursos propios, como a xeración de enerxía. Así, dáse o paradoxo de que Galiza é a comunidade máis afectada pola crise das electrointesivas ao concentrar o maior número deste tipo de fábricas, malia ser dos territorios que máis electricidade producen.

A situación actual, cando xa se anuncia unha nova recesión, deixa un panorama desolador do que Alcoa, Ferroatlántica ou a central de Endesa son bos exemplos. Nestas tres empresas, o persoal está en pé de guerra na defensa dos empregos e a continuidade dunha actividade que constitúe o motor económico de cada unha das comarcas nas que se asenta.

Deslocalización e especulación

En Alcoa, a problemática trasládase agora ao complexo de San Cibrao, ameazado pola parada de 32 cubras de electrólise. A falta dun Goberno no Estado e a incapacidade do PSOE para aprobar un estatuto do consumidor electrointensivo que garanta un prezo xusto, estábel e competitivo da enerxía, comprometen a serio a viabilidade das factorías, creando, xunto á reforma laboral, un cóctel perfecto para facilitar os plans de Alcoa.

O prezo da enerxía tamén é un problema para outra electrointensiva como Ferroatlántica, pero neste caso os manexos da empresa revisten maior gravidade ao gozar da concesión pública para explotar as centrais hidroeléctricas do Xallas e Río Grande. A Xunta (con plenas competencias para frear esta operación fraudulenta) permanece pasiva, sen esixir o preceptivo plan de viabilidade e obviando os riscos para as fábricas de Cee e Dumbría.

Mentres, Endesa (propiedade da italiana Enel), escudándose no proceso de transición enerxética, ten paralizada dende hai catro meses a central das Pontes sen presentar ningunha alternativa industrial, malia levar 40 anos obtendo millonarios beneficios a conta de explotar e espoliar o noso territorio.

Impulsar unha industria forte

Para reverter esta tendencia, precisamos un Plan de Política Industrial que propicie unha industria forte, xeradora de emprego e que apoie aqueles sectores que son os motores básicos da nosa economía; e que o Goberno galego sexa o impulsor do desenvolvemento económico e industrial investindo directamente nas empresas ou por medio de compañías mixtas de capital galego.

Volver