Defender os dereitos non é delito. Derrogación xa da Lei Mordaza!

A CIG convoca mobilizacións o 8 de xullo contra a deriva represiva dos dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión e de manifestación
Nacional - 03 Xul 2026

A CIG convoca para o vindeiro mércores, día 8 de xullo, concentracións simultáneas ás 11:00 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña e nas subdelegacións do Goberno en Lugo, Ourense e Pontevedra. Mobilizacións coas que quere denunciar a aplicación da Lei Mordaza, os numerosos expedientes sancionadores abertos ao seu abeiro e os excesos na actuación da autoridade gobernativa, da Policía Nacional e da Garda Civil.

A central sindical considera abusiva a presenza e participación dos dispositivos policiais en todo tipo de manifestacións, concentracións e accións reivindicativas, nomeadamente nas de carácter laboral e social.

Resulta inaceptábel que o exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión e de manifestación sexa obxecto de persecución

Clama contra as identificacións arbitrarias, as sancións administrativas e os procedementos xudiciais, prácticas que pretenden desmobilizar e silenciar a resposta social fronte ás situacións de inxustiza e á defensa dos dereitos laborais e sociais.

A CIG considera absolutamente inaceptábel que o exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión e de manifestación sexa obxecto de persecución. Esta deriva represiva ten un dos seus principais instrumentos na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, aprobada polo Partido Popular e que, malia os compromisos adquiridos, segue sen ser derrogada polo actual Executivo de PSOE-Sumar.

A central sindical denuncia a absoluta incapacidade e a falta de vontade política do Goberno español para cumprir coa súa promesa de derrogar esta norma. Considera que, lonxe de avanzar na recuperación de dereitos democráticos, se mantén en vigor un marco legal que permite sancionar a protesta, limitar a acción sindical e reprimir a mobilización social.

Por iso chama a participar nestas mobilizacións para exixir a derrogación da Lei Mordaza e reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos e das liberdades públicas.