Defender os dereitos non é delito! Solidariedade con Chelo e Javier

Enfróntanse a un xuízo por exercer o seu labor sindical durante a histórica folga na xustiza

A Coruña -

Dous anos e medio despois de finalizar a histórica folga na xustiza galega, aínda hai traballadores e traballadoras que están sendo perseguidas por defender os dereitos laborais de todo o persoal deste sector. Este martes, 3 de novembro, a compañeira Chelo Rodríguez e o compañeiro Javier Fernández  enfróntanse a un xuízo por un suposto delito de coaccións por exercer o seu labor sindical durante a folga da xustiza do ano 2018 como representantes do persoal.

Para a CIG estamos ante un caso absolutamente inxusto e desproporcionado, máxime cando un xuízo de faltas similar contra diversos membros do comité de folga da provincia da Coruña rematou cunha sentenza absolutoria.

"Estamos ante unha clara persecución contra os delegados e delegadas sindicais máis reivindicativas na folga da xustiza e unha caza de bruxas contra daquelas centrais que non asinaron o acordo acadado a base de traizóns ao persoal, que o rexeitaron nas urnas", subliñan dende o sector de Xustiza da CIG.

Cómpre lembrar que a causa que se vai ver este martes ten a súa orixe no escrito que a letrada de Penal 6 dirixiu á Secretaría de goberno, quen a elevou á Fiscalía, e esta a enviou ao Xulgado de Instrución, despois de que un piquete informativo falara con ela nunha das xornadas da folga a causa da interpretación abusiva que estaba facendo dos servizos mínimos. A este respecto, hai que subliñar que a letrada se arrogou unhas competencias que non lle corresponden para ampliar os servizos mínimos, sen que este abuso lle carrexara consecuencias mentres que Chelo e Javier seguen perseguidos sen motivo.

A denuncia tamén provocou a apertura dun expediente disciplinario que quedou en suspenso até que conclúa a vía xudicial. É dicir, ademais de ter que sufrir todo este proceso, cando saia a sentenza aínda se terán que enfrontar a resolución do expediente administrativo, sufrindo un dobre castigo. Por iso, dende a CIG seguimos demandando a absolución desta compañeira e deste compañeiro e o arquivo do expediente.

Durante estes dous últimos anos a CIG convocou distintas concentracións en apoio a Chelo e Javier e para denunciar a represión sindical que están a sufrir.

Volver