Delegadas da CIG claman en Vigo contra a precariedade laboral das mulleres

Celebraron unha asemblea e mobilizáronse diante da residencia de maiores de Barreiro
Vigo - 11 Xun 2019

Arredor de medio cento de delegadas sindicais da CIG, convocadas pola Secretaría das Mulleres, mobilizouse hoxe diante da residencia de persoas maiores de Barreiro, en Vigo, para denunciar a precariedade laboral que padecen milleiros de traballadoras en Galiza. A protesta, que fai parte da campaña contra a precariedade e a explotación que se está a desenvolver no conxunto do país, celebrouse tras a asemblea de delegadas na que se analizou a discriminación laboral á que están sometidas as mulleres.

“Non somos escravas, somos traballadoras”, Queremos traballar e non mendigar”, “Estou explotada, non vou quedar calada” e “Somos mulleres e estamos discriminadas” foron as principais consignas que se escoitaron durante a media hora que durou a concentración ás portas da residencia de maiores de Barreiro, que xestiona a empresa Domusvi, onde un grupo de delegadas da CIG, coa secretaria das Mulleres de Vigo, Rosa Chantada, á cabeza, despregaron unha faixa na que se podía ler “Loitando por un modelo socioeconómico novo, xusto e solidario”.

Chantada precisou que se escolleu este centro para poñer o foco sobre o sector dos coidados á dependencia, no que traballan unha ampla maioría de mulleres, pero quixo deixar claro que a protesta ben se podía celebrar en calquera outra empresa ou sector no que a presenza de traballadoras sexa maioritaria, "porque a discriminación laboral da muller atópase totalmente estendida".

Previamente celebraron unha asemblea no local do sindicato na cidade na que abordaron a situación de precariedade e explotación que teñen que aturar milleiros de traballadoras polo mero feito de seren mulleres e se repasaron as principais propostas que achega a CIG para combatela. En concreto, puxeron de manifesto que o traballo no fogar e de coidados de persoas dependentes foi ignorado pola economía capitalista e polos poderes públicos, e que coa súa mercantilización convertéronse en empregos de segunda, polo que se desenvolven en condicións de elevada precariedade laboral e nos que conviven desigualdades de xénero, clase, raza ou etnia.

Radiografía do sector dos coidados

En consecuencia, cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que en lugar de ofreceren directamente estas prestacións privatízanas mediante subcontratas. “A temporalidade dos contratos e a súa curta duración, os baixos salarios que non se corresponden co grao de responsabilidade de traballo que desenvolven, a ausencia de acción formativa específica nas empresas para o desenvolvemento do posto, o incumprimento xeneralizado da Lei de Prevención de Riscos Laborais, as enfermidades profesionais non recoñecidas, o alto risco de acoso ao que se enfrontan as traballadoras, a realización de horas extras non remuneradas e a minusvalorización do traballo, configuran a radiografía do sector”.

Con todo, incidiron en que a precariedade non é específica no sector dos coidados, senón que afecta a todos os traballos feminizados, que xeralmente se encadran no sector servizos: limpeza, hostalaría, telefonía, servizos sociosanitarios, comercio, lecer, actividades financeiras, industria téxtil, alimentación ou conserva. De feito, o 85% das mulleres galegas traballan no sector servizos, que é o que en maior medida sofre a precariedade laboral, o que incide directamente na situación das mulleres.

A comezar por unha taxa de temporalidade no emprego do 27,5% (2,1 puntos máis que a masculina); e a seguir polo feito de que o 77,3% dos traballos a xornada parcial son realizados por mulleres, sendo a maior parte deles contratos de curta duración: o 36,1% dos contratos rexistrados en 2018 duraron menos dunha semana e o 48,6% menos dun mes, ao que hai que sumarlle un grao de rotación moi elevado (neste período contabilizáronse unha media de 4,2 contratos por cada muller).

Ademais, onde máis medrou o emprego entre as mulleres nos últimos anos foi na rama de actividades de menores ingresos, levando a fenda salarial até o 21,5%. Isto deixa ver que a diferenza cos homes é moi importante, pero tamén o é a dispersión salarial entre as propias mulleres: o 37% das asalariadas tiveron ingresos inferiores ao SMI e o 20,5% (case 100.000 mulleres) non chegaron á metade deste. Como consecuencia, a fenda das pensións tamén se multiplicou, chegando ao 36,6%.

En definitiva, tal e como denunciaron, a pobreza en Galiza ten faciana de muller e a meirande parte das traballadoras son precarias. “Esta situación é de tal gravidade que require unha resposta do feminismo de clase; é preciso combater esta lacra social mediante a mobilización nos centros de traballo e na rúa”.