Delegadas e delegados da CIG-Ensino mobilízanse en apoio das traballadoras despedidas do Junior´s

Emprenderá accións xurídicas para demandar a súa readmisión
Compostela - 14 Feb 2019

Delegadas e delegados da CIG-Ensino concentrábanse esta mañá ás portas do colexio Junior´s en solidariedade coas catro traballadoras despedidas o pasado martes, todas elas afiliadas á CIG, e que denunciaron a situación de impagos, retrasos e irregularidades contractuais que está a padecer o persoal do centro. No decurso da mobilización o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, anunciou que o sindicato emprenderá accións xurídicas en demanda da readmisión destas traballadoras.

Entre as despedidas atópase a administrativa, con máis de 22 anos de antigüidade na empresa, e que ía ser a candidata da central nas vindeiras eleccións a delegada de centro.

Esta traballadora que exercía labores administrativas, de secretaría e de atención ao alumnado no servizo de madrugadores tiña contrato como gobernanta, o cal xa supón unha contratación irregular, e conta cunha ampla traxectoria na empresa, na que conviviu con tres propietarios diferentes.

Represalia sindical

Tal e como resaltou o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, trátase dunha decisión claramente de represalia sindical, xa que as outras tres persoas cesadas son tamén afiliadas e denunciaron publicamente nunha rolda de prensa o pasado 28 de xaneiro as irregularidades contractuais, os despedimentos e os impagos que se veñen producindo no centro no último ano. 

“As persoas que deron a cara están a ser claramente perseguidas, non é casualidade que foran despedidas o mesmo día e con argumentos que non se sosteñen, e hoxe mesmo quixemos exercer o noso dereito a informar ao resto do persoal que queda no colexio da situación e foinos impedida a entrada”.

Demanda de readmisión

Rubén F. Monteagudo anunciou que van reclamar a readmisión das traballadoras nos xulgados e que prevén seguir adiante coa convocatoria das eleccións sindicais aínda que teme que haxa movementos por parte do administrador, Diego Rosales, para intentar amañar o resultado poñendo un candidato ou candidata afín á propiedade.

Na concentración participaron todas as traballadoras despedidas (a celadora, vinculada ao Junior´s desde o ano 2009, á que desde a súa incorporación en decembro tras o permiso por maternidade non lle tiñan asignada ningunha función no seu posto de traballo e dúas operarias da limpeza, unha delas con máis de 12 anos de traxectoria e a outra contratada desde o ano pasado pero á que lle aplicaron unha cláusula de descolgue salarial totalmente ilegal), así como ex traballadores que se solidarizaron coa súa situación e que marcharon sen cobrar os seus soldos.

Durante a mesma, Rubén F. Monteagudo lembrou que Diego Rosales aínda non aboou os salarios que lle adebeda a varios traballadores e traballadoras e que segue pagando por debaixo de convenio uns 500 euros de media, e con atrasos, ao grupo de algo máis de 10 docentes que quedan no centro.