Delegadas/os da CIG volven manifestar a súa solidariedade con Pintos no terceiro día do xuízo

O tribunal acordou continuar este venres as sesións ao non dar tempo a rematar as conclusións
A Coruña - 14 Nov 2019

Hoxe tivo lugar a terceira sesión do xuízo que se segue contra o compañeiro Xesús Anxo López Pintos (ex secretario comarcal da CIG de Ferrol) a quen lle piden unha condena de tres anos pola súa participación nunha mobilización do persoal do naval e de Poligal en 2012. Con tal motivo, ducias de delegados e delegadas da CIG volvéronse concentrar diante da Audiencia Provincial da Coruña en demanda de xustiza para Pintos e contra os intentos de criminalizar e reprimir a loita obreira.

Aínda que estaba previsto que as vistas remataran este xoves, finalmente o tribunal acordou continuar na xornada do venres, ao non poder rematarse as conclusións no día de hoxe por falta de tempo.

Nesta xornada acudiron a declarar 11 das testemuñas propostas pola defensa, que nun primeiro momento non foran admitidas, deixando nunha absoluta indefensión a Pintos, xa que só se aceptaran tres testificacións por parte da defensa. Finalmente, no primeiro día de xuízo e tras revisar o informe pericial achegado, o tribunal admitiu ampliar o número de testemuñas, incluíndo a declaración do propio perito que elaborou o documento.

Pintos, de vítima a verdugo

A CIG reitera a demanda a libre absolución para o compañeiro Pintos, que foi a vítima e non o verdugo nos feitos que derivaron neste xuízo. Non hai que perder de vista que Pintos foi detido no marco dunha carga policial desmesurada e levado a comisaría, onde permaneceu incomunicado durante horas mentres sufría maltrato e vexacións nas súa condición de persoa, de sindicalista e polo seu pensamento nacionalista e de clase.

Pintos padeceu durante meses as consecuencias das lesións producidas esa fatídica noite, tendo que permanecer de baixa médica e precisando de rehabilitación para o dedo dunha man. Porén, sendo el o agredido tense que enfrontar agora a unha acusación de atentando pola que a Fiscalía lle pide dous anos e a acusación particular (exercida por un axente de policía) tres. E aínda por enriba, a Fiscalía non tivo en conta a denuncia por torturas que presentou o compañeiro Pintos, ao considerar que só é a súa palabra, fronte a presunción de veracidade que se lle outorga á declaración dos corpos e forzas de seguranza.

Retroceso nos dereitos

O caso de Pintos é un exemplo do retroceso lento pero inexorábel no exercicio dos dereitos civís que se está a vivir no Estado español e dos métodos represivos e antidemocráticos aos que recorre o poder para acalar a resposta social ás políticas de saqueo á clase traballadora, así como da utilización que fai da policía e da xustiza como brazos executores destas medidas.

A este respecto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reiteraba que "non imos permitir un paso atrás na defensa dos nosos dereitos, nin que se pretenda amedrentar e presentar como un problema de orde pública (e polo tanto a resolver por esa vía) a loita por un posto de traballo digno e contra a vaga de recortes e empobrecemento xeneralizado que estamos a sufrir".

Carril criticou que se manteña en vigor a Lei Mordaza ou as reformas do código penal aprobadas polo PP precisamente para endurecer a persecución e a represión da contestación social. Neste senso, cualificou este proceso de "intento de darlle á volta á historia" e rexeitou que se busque criminalizar e reprimir a quen defende os dereitos, fronte ás políticas que constitúen "un saqueo masivo ao conxunto do pobo e das clases traballadoras".

"Chegaremos a todas as institucións que sexa preciso"

Á espera de coñecerse a sentenza e agardando que resulte absolutoria, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, xa adiantou que, de ser condenado Pintos, "chegaremos a todas as institucións, nacionais e internacionais, que teñamos que chegar para pedir xustiza para o compañeiro".

Hai que lembrar que a situación de Pintos vese agrava porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos, polo que, de saír unha sentenza condenatoria tería que entrar na cadea.