Delegadas/os de CIG-Saúde lembran ao SERGAS que os seus salarios “non se pagan con aplausos”

Concentráronse na consellaría para reclamar a restitución dos dereitos ‘roubados’ desde 2010

Nacional -

Delegados e delegadas da CIG-Saúde das distintas áreas sanitarias concentráronse esta mañá diante das dependencias do SERGAS, en San Lázaro, para reclamar a restitución dos salarios do persoal conxelados desde o ano 2010. Unha mobilización na que lembraron ao SERGAS que os seus salarios non se pagan con aplausos.

No ano 2010 o goberno Feixó decretou a suspensión dos acordos acadados en materia de salarios co persoal do SERGAS. Transcorridos 11 anos desde que Sanidade aplica esta penalización retributiva, a CIG-Saúde considera que non se pode manter por máis tempo. “O recoñecemento do SERGAS ao traballo desenvolvido polo seu persoal non pode ser un castigo salarial permanente”, asegurou a secretaria nacional, María Xosé Abuín, no decurso do acto de protesta no que exixiu que se remate con esta situación e se convoque unha mesa de negociación para abordar esta cuestión.

Abuín explicou que desde o SERGAS o que se lles responde a esta demanda é que ten que ser decisión do goberno galego. Por iso reiterou a exixencia de que se recolla unha partida orzamentaria específica que permita poñer en marcha un calendario de recuperación.

A secretaria nacional de CIG-Saúde manifestou ademais “a nosa vontade negociadora para a recuperación dos nosos dereitos” e lembrou a disposición do sindicato a negociar “un calendario de recuperación que se establecera en máis dun exercicio orzamentario”.

Lembrou que a CIG-Saúde está disposta a aceptar que ese calendario se execute en varios exercicios orzamentarios “pero ten que executarse”, afirmou Abuín quen tamén lamentou que a consellaría de Sanidade “non medre na mesma porcentaxe que medran outras consellarías cando todas e todos os profesionais, organizacións e a propia sociedade demandan ese incremento para dar cobertura a atención primaria, pasando dese 12% que contemplan ao 25% necesario”.

Porén, advertiu que se a Administración sanitaria segue a manter a súa negativa a convocar mesa de negociación e acordar un calendario de recuperación dos salarios do persoal do SERGAS, “isto só pode ser entendido como un grave insulto ao persoal da sanidade pública. Con esta negativa o que fai o SERGAS é non valorar  o traballo, o compromiso e o coñecemento que as súas e os  seus profesionais poñen a disposición da sanidade pública”, afirmou.

Volver