• Nova

Delegadas/os de prevención da CRTVG piden que se solucionen as eivas para a protección do persoal ante a crise do covid19

Demandan, entre outras cuestións, que se reduza o persoal presencial asegurando só a cobertura esencial
Nacional - 23 Mar 2020

Delegados e delegadas de prevención da CRTVG veñen de dirixirse á Comisión de Seguimento do coronavirus do ente cun escrito no que, logo de se felicitar polas medidas de protección das persoas traballadoras xa adoptadas, chaman a atención sobre as eivas que seguen existindo. Por iso demandan, por exemplo, que na redacción de informativos se reduza o persoal que traballa presencialmente asegurando unicamente a cobertura da que se denomina información esencial de servizo público.

Para as delegadas e delegados de prevención “todo o que non sexa prestar servizos para os telexornais ou a emisión das comparecencias oficiais é, ao noso entender, totalmente prescindible. Cando a prioridade é a protección da saúde das persoas, seguir teimando en nutrir Deportes ou A Revista carece de xustificación”, apuntan.

Aseguran que o colectivo de reporteiras e reporteiros gráficos “está a ser convocado para subir a San Marcos cumprindo horario sen ter carga de traballo que xustifique a súa presenza”.

Apuntan xunto a isto, que non teñen constancia tampouco “da existencia de rotación entre os redactores e redactoras presenciais, que consideramos deben ter o mesmo tratamento que se lle está a dar neste sentido ao resto de categorías”.

Grave situación nas delegacións

“Especialmente irresponsable e grave” consideran a situación das delegacións, que foron reforzadas nun primeiro momento con persoal de San Marcos para alixeirar a redacción principal e reducir o risco nela, para ao final desprazar o problema ao resto dos centros de traballo.

Por iso, tamén neste caso, consideran que “urxe reducir xa o número de presenzas nos centros territoriais, onde chegaron a coincidir ata 20 persoas no cambio de quenda”.

Para solucionalo piden que “se estableza a rotación e o teletraballo tamén en delegacións”, unha cuestión que entenden que “debe ser unha prioridade”.

Paralización do programa Luar

Insisten de novo, de cara a este venres, na paralización do programa Luar polo número de persoas que move. “Esa produción supón un alto risco para todo o persoal que se concentra no Plató 1000, tanto para o propio da CRTVG como para o de CTV, así como para colaboradores, artistas e convidados”, afirman. E indican ademais que están á espera da actuación de Inspección de Traballo tras a denuncia que presentaron.