O comité de Teleperformance mobilizaranse por unhas condicións laborais dignas

Convoca concentración o 20 de xullo diante da empresa
A Coruña - 16 Xul 2020

O comité de Teleperformance ten convocada unha concentración de delegadas e delegados para o vindeiro luns, 20 de xullo, diante das oficinas da empresa no polígono da Agrela (A Coruña) para reivindicar unhas condicións laborais dignas, que se informe á representación do persoal e exista unha negociación real e para rexeitar a decisión da compañía de non continuar cunha das campañas estrela para R Telecable.

Denuncian que dende o inicio da crise sanitaria, Teleperformance (do sector dos centros de chamadas) "demostrou a súa incompetencia e falta de inversión para implementar o teletraballo", obrigando as traballadoras e traballadores e a asumir todos os custes xerados polo traballo no domicilio (equipos, conexión a internet, luz…) sen recibir ningunha contraprestación. "E incluso continúa cos descontos en nómina por desconexións alleas ao persoal, a pesar da última resolución de Inspección de Traballo, onde se indica que non poden facelo".

Xunto a isto, a dirección decidiu non continuar co departamento Info R Telecable e Telecomunicaciones, a pesar de ser unha das campañas estrela da empresa. "Teleperformance deixa de dar o servizo a unha empresa referente na Galiza, nacida aquí con capital e apoio galego, despois de 20 anos como referente de atención ao cliente", subliña Tino Fernández, delegado da CIG.

Dende o comité denuncian tamén que Teleperformance non acepta ningún tipo de solicitude dos/as traballadores/as por escrito ou correo electrónico, senón que obriga a utilizar a súa ferramenta interna, "a sabendas dos seus múltiples fallos e carencias". Con esta práctica, advirten, "o que pretende a compañía é afastar o persoal da representación sindical e ademais incumpre os acordos acadados entre comité e empresa en materia de canles de comunicación".

E neste senso, critican que Teleperformance toma decisións que afectan ao seu persoal de forma unilateral "sen dar traslado e posibilidade de negociación á representación legal das/os traballadoras/es".

Hai que lembrar que a plataforma de Teleperformance na Coruña ocupa a máis de 800 persoas dando servizos a grandes multinacionais tanto de telecomunicacións, como enerxéticas e doutros servizos.