Área Pública rexeita uns orzamentos que non contemplan nin a recuperación de dereitos, nin de servizos públicos

Concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza coincindo co debate das contas para 2020
Nacional - 17 Dec 2019

Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos orzamentos para o ano 2020, para manifestar o seu rexeitamento a unhas contas que non contemplan nin a recuperación dos dereitos que en material salarial, laboral e social lles foron roubados, nin a recuperación dos servizos públicos que están sendo desmantelados por mor dos recortes impostos na última década.

“Son uns orzamentos continuistas que veñen afondar nos recortes, tanto salariais, porque non se procede a recuperar salarios, nin complementos, como en material de persoal, porque non se elimina a taxa de reposición, nin se frea o proceso de desmantelamento que están sufrindo os servizos públicos”. Así resumía a portavoz da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, as razóns polas que as federacións da Área Pública, rexeitan os orzamentos previstos polo goberno de Feijóo para 2020.

Fronte ao mantemento dos recortes o que demandan é que se aprobe un Plan para negociar a débeda salarial contraída pola Xunta de Galiza cos recortes salariais, especialmente no complemento específico ou equivalente en anos atrás. “Non abonda con  restituír o complemento específico da extra senón que hai que devolver o roubado”, matizan.

Ademais exixen que se cree un complemento para restituír os soldos base e trienios da extra até o importe completo das mensualidades ordinarias. Isto xunto coa derrogación da lei 1/2012 de medidas na súa integridade, moi especialmente a suspensión do artigo 19 do V Convenio.

Con todo matizan que ao derrogar esa lei levántase a suspensión do Plus dos Altos Cargos, polo que a súa derrogación “debería implicar a derrogación expresa e definitiva dese privilexio” cuxos importes demandan que se destinen ao fondo de continxencia.

Canda isto demandan o establecemento da xornada de 35 horas, con carácter xeral, para todos e todas as empregadas públicas da Xunta de Galiza e os seus entes e que se “estenda a carreira profesional a aqueles que o Acordo de mellora quixo excluír, cos mesmos dereitos dende o 1 de xaneiro de 2019, especialmente a quen non optaron pola chantaxe da funcionarización, ao persoal interino e temporal e tamén ao persoal fixo e temporal dos entes, especialmente polo seu número ao do Consorcio de Igualdade e Benestar”.

De igual modo defenden que se establezan novos tramos reducidos para consolidar os graos I e II para os subgrupos A1 e A2 e I e II de laborais iguais ao do resto dos subgrupos, considerando que iso “tamén discriminatorio”, e a recuperación do Fondo de Acción Social.

Taxa de reposición

A Área Pública da CIG denuncia que este anteproxecto e o Acordo de Madrid seguen consolidando o recorte de emprego público ao manter a taxa de reposición. “Consideramos que se debe establecer a non existencia de taxa de reposición co fin de rematar coas graves carencias de persoal da Xunta de Galiza”.

Neste sentido sinalan que “non se debe estabelecer ningunha limitación, tal e como aparece no texto, nin nas causas nin nos ámbitos á hora de poder realizar contratacións de persoal temporal e interino sexa para postos vacantes, como para substitucións transitorias”.

Recuperación do horario lectivo para o profesorado

Desde a CIG-Ensino reiteran a súa demanda de recuperación do horario lectivo do profesorado galego (18 horas en secundaria e 21 en primaria), xunto coa devolución dos dereitos arrebatados coa escusa da crise. Afirman que isto tería unha repercusión orzamentaria, xa que levaría consigo un incremento de postos de traballo, con maior impacto nos corpos de secundaria e moito máis reducido no corpo de mestres.

Ademais sinalan que a atención á diversidade está cada inicio de curso marcando as carencias que temos para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Subliñan que o acordo de cadros de persoal de 2007 permite aumentar os postos de traballo definitivos vinculados á educación especial (audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica). Por iso demandan unha maior dotación destes postos de traballo.

Desde a CIG-Ensino chámase a atención a un “claro problema do sistema educativo galego: as ratios”. Denuncian que mentres o datos oficiais ofrecen unhas ratios boas (produto do elevado número de centros e a súa dispersión) a realidade é que “temos aulas saturadas no medio urbano e con aulas mixtas no medio rural”.

Por iso manteñen que é preciso reducir as ratios, nomeadamente cando hai alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou repetidores e recuperar e ampliar os desdobres na ESO e o Bacharelato. “Todo iso precisa un incremento orzamentario que non aparece por ningures”, denuncian.

Ademais, no decurso da concentración, o secretario de Acción Sindical da CIG-Ensino reiterou a denuncia de que segue anulado o pagamento do verán ao profesorado substituto que traballou cinco meses e medio. “É un dereito arrebatado no 2012 e baixo uns criterios contidos na propia Lei de Orzamentos que a día de hoxe non se cumpren. Malia iso, figura de novo no anteproxecto de lei que non se efectuará ese pagamento”, sinalou.

A CIG-Ensino reclama ademais un incremento da axudas para o galego no ensino público. Sinala que a situación do noso idioma, tal e como recolle o último inquérito do IGE, é de “emerxencia lingüística”. Por iso para alén de medidas que non teñen repercusión orzamentaria, como é o caso da derrogación do decreto de plurilingüismo e a aposta do noso idioma como lingua vehicular, demanda un importante incremento das partidas para o fomento e uso do noso idioma, xa que as actuais non chegan a cubrir o 20% das axudas solicitadas polos centros.

Inclusión do persoal interino e estatutario do SERGAS no Grao I da carreira profesional

A CIG-Saúde, pola súa banda, reclama a inclusión do persoal estatutario interino e o persoal estatutario fixo do SERGAS, con posterioridade ao 1 de xullo de 2018, no cobro do Grao I de carreira profesional con efectos económicos a partires do 1 de xaneiro de 2020. Xunto a isto, exixe a recuperación das cantidades detraídas ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde do acordo retributivo 2008-2012, correspondente á suba lineal no complemento específico, destinado a retribuír as condicións específicas do posto de traballo, e que pretende equiparar a contía do complemento específico coa do persoal da Xunta de Galiza.