Delegados/as da CIG no metal mobilízanse diante da patronal da Coruña para esixir avances na negociación do convenio

A CIG-Industria aposta por retomar a tensión mobilizadora no sector
A Coruña - 14 Out 2021

Delegados e delegadas da CIG no sector do metal celebraron na mañá deste xoves unha asemblea no edificio sindical da Coruña para abordar a situación de parálise na negociación do novo convenio provincial de siderometal e acordar o inicio de mobilizacións para desbloquear esta situación.

Dende o pasado mes de maio non se produciu ningún avance na mesa de negociación e, de feito, a estratexia da patronal consiste en dilatar no tempo as negociacións sen ter vontade de chegar a acordo nin avanzar na discusión das plataformas propostas pola parte social. A CIG-Industria trasladou hai cinco meses unha proposta de convenio pero até o momento non houbo resposta por parte da patronal, que nin sequera tivo a ben remitir unha contraproposta.

Ao remate da asemblea, as delegadas e delegados concentráronse diante das oficinas da Confederación de Empresarios/as da Coruña para instar a patronal "a que tome en serio as negociacións e marcar un calendario máis fluído nas negociacións e sen limitacións temporais, xa que o empresariado impón unhas reunión a celebrar cada quince días e cun máximo de dúas horas", critica a CIG-Industria.

Durante a asemblea tamén se abordou a necesidade de retomar a tensión mobilizadora no sector, instando a CCOO e UGT a apostar pola vía da loita e preparar un calendario de mobilizacións de cara a conseguir un convenio provincial que recolla auténticas melloras salariais e laborais que quedaron pendentes da anterior negociación, como a loita contra a precariedade, o recoñecemento do dereito á subrogación, o pago da indemnización dos contratos eventuais cada mes etc.