Delegados/as das auxiliares de Navantia mobilízanse polos seus dereitos económicos e na demanda de carga de traballo

CIG-Industria defende a necesidade do Complexo Integral e rachar "co confinamento" á construción militar

Delegados e delegadas da CIG-Industria nas auxiliares de Navantia concentráronse este venres na entrada do estaleiro de Ferrol para reclamar que as consecuencias da emerxencia sanitaria non repercutan nas súas condicións salariais e nos seus dereitos laborais, e ao tempo demandar da empresa e do Goberno español carga de traballo inmediata que evite os despedimentos masivos nas contratas.

Critican que o decreto que regula dos ERTE por forza maior furta o dereito a negociar as condicións as suspensións en aspectos tan básicos como a duración ou as retribucións a percibir. Por iso, unha das reivindicacións da protesta foi precisamente que o persoal das auxiliares poida percibir unha compensación polas diferenzas entre o salario e as prestacións por desemprego e tamén cobrar a paga extraordinaria de xullo íntegra e que non lles desconten as vacacións, xa que durante o tempo que de suspensión non se xeran estes dereitos.

"Reclamamos o noso dereito á negociación colectiva, a poder exercer a defensa dos nosos intereses de xeito colectivo, e queremos facelo como sector porque é ben sabido por todos e todas, que o persoal da industria auxiliar comparte condicións e comparte exclusións, e só colectivamente poderemos facernos respectar" sinalan os delegados e delegadas da CIG.

Saír ao mercado civil

Xunto a esta demanda, coa concentración quérese pór o foco da atención novamente sobre a falta de carga de traballo nos estaleiros da ría e entrada en subactividade a partir do verán, co impacto que isto supón na destrución de emprego nas auxiliares. Por iso, CIG-Industria demanda a Navantia e ao Goberno español que doten de carga de traballo inmediata ás instalacións (a través, por exemplo, da construción dun buque loxístico) e se aceleren ao máximo os prazos do programa de construción das fragatas F-110.

"E aproveitando este impulso rachar por fin coas restricións e o confinamento no sector militar ao que se abocaron os estaleiros de Fene e Ferrol. Hai que saír ao mercado civil con propostas tecnoloxicamente avanzadas poñendo en valor turbinas, reparacións, e todas as áreas de negocio presentes na Ría dun xeito integrado".

Neste camiño, a Federación de Industria fai un chamamento ao resto das centrais sindicais para relanzar a demanda de carga de traballo "e impulsar outra pola recuperación dos dereitos económicos do persoal da industria auxiliar que veñen de sufrir un duro golpe".

Volver