• Nova

Delegados/as do sector concéntranse en Cándido Hermida por un convenio digno para a Carpintería

Ante a falta de movementos da patronal, as centrais intensificarán as mobilizacións
Ferrol - 08 Xun 2022

Delegados e delegadas do sector da carpintería concentráronse este mércores diante das instalacións de Cándido Hermida no Polígono de Río de Pozo para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo de Carpintería e Ebanistería da Coruña e polo mantemento do poder adquisitivo dos salarios. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións acordado por CIG, UGT e CCOO, que continuará o vindeiro 22 de xuño en Cociñas Santos, no concello de Boqueixón.

Dáse continuidade así ás protestas iniciadas o pasado 26 de abril diante da sede de Inditex no Polígono de Sabón (Arteixo) -xa que moitas das empresas reguladas por este convenio son contratas e subcontratas da multinacional, que é o seu principal cliente-; proseguiron o 11 e o 24 de maio con concentracións nas instalacións de Malasa en Cerceda e na empresa Ramón García de Ordes.

Na protesta deste mércores, Marcos Sánchez, secretario de Organización da FCM-CIG, xa adiantou que, ante a falta de movementos por parte da patronal que permitan chegar a acordo, as centrais sindicais acordaron incrementar as mobilizacións máis alá do actual calendario.

Manter o poder adquisitivo

Cómpre lembrar que o convenio de Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña está caducado desde o ano 2019 e os traballadores e traballadoras teñen dende entón os salarios e as condicións laborais conxeladas. Porén, en plena alza inflacionista, a patronal pretende rebaixar o poder adquisitivo ao negarse a manter a cláusula de revisión salarial que está recollida no convenio dende 2014.

Así, na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020; do 3,1% para o ano 2021, pero só pagaría atrasos até o 1,5%. Para 2022 ofrece o 3%, cunha revisión salarial se o IPC supera o 3%, de como máximo un 1% máis e sen atrasos. E para os anos 2023 e 2024 o 1,5% con revisión salarial se o IPC supera esa porcentaxe, pero cun tope do 1,5% máis, e tamén sen atrasos.

CIG, UGT e CCOO denuncian que esta proposta económica provocaría un empobrecemento das traballadoras e dos traballadores, pois ao non subir o IPC real cada ano, só en 2021 o persoal perdería xa o 3,4% e no resto dos anos, ao topar a revisión salarial sen xerar atrasos, impediríase a recuperación do poder adquisitivo perdido.

A isto engádese a negativa das empresas a aceptar a creación dun plus de quendas de 150 euros mensuais. Unha negativa que, critican, non ten xustificación algunha porque a carga de traballo é tal que as compañías non dan atendido os pedidos.

Diante disto, CIG, UGT e CCOO xa avanzaron que non asinarán o convenio se non se garante o poder adquisitivo dos salarios dos aproximadamente 5.300 traballadores e traballadoras atinxidos por este convenio -que representan o 60% de todo o persoal do sector en Galiza-; se establece un plus de quendas, como existe xa noutros convenios; e se regulan as condicións do persoal que ten que desprazarse a montar as tendas de Inditex en diferentes lugares do mundo.