Delegados/as da CIG mobilízanse por un Convenio Galego do Metal e na defensa dun marco galego de relacións laborais

A Federación de Industria realizou unha manifestación nacional na Coruña en rexeitamento ao convenio estatal asinado o pasado marzo
A Coruña - 15 Xun 2016
Arredor de 500 delegados e delegadas da CIG-Industria manifestáronse este mércores polas rúas da Coruña en demanda dun Convenio Galego do Metal que permita unificar o sector e a normativa laboral e en rexeitamento ao I Convenio Estatal do Metal, asinado a finais de marzo por CCOO, UGT e Confemetal. A CIG advirte que centralizar a negociación colectiva supón implantar un modelo de negociación entre cúpulas, no que os traballadores e traballadoras perden capacidade de decisión.

Galería de imaxes

O Secretario Nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi “Tupi”, denunciaba ao inicio da manifestación o proceso de centralización que está a sufrir a negociación colectiva (e contra do que a central nacionalista ten en marcha unha campaña), reflectido na sinatura deste I convenio estatal do metal. 

Unha vella aspiración da patronal a través da que pretende eliminar os convenios provinciais, abaratar os salarios e flexibilizar a negociación colectiva “e na que  CCOO e UGT entran no xogo deixándolle introducir a reforma laboral no propio convenio”. A este respecto, Bouzas Aboi afirmou que “non queremos unha negociación entre cúpulas patronais e sindicais en Madrid, afastada dos centros de traballo”.

Centralizar a negociación, engadiu, favorece a aplicación de todos os recortes recollidos nas reformas laborais a través dos propios convenios colectivos. O camiño contrario que defende a CIG: confrontar a aplicación das contrarreformas reforzando os dereitos nos convenios colectivos. “Hai que combater este tipo de negociación, porque separar a negociación colectiva dos centros de traballo é abrir unha dinámica que deixa sen capacidade de decisión e sen loita os traballadores e traballadoras, creando un marco ideal para recortar dereitos e salarios”, advertiu.

Así, o Secretario Nacional da CIG-Industria alertou que o convenio estatal do metal reserva para a negociación en Madrid materias tan relevantes como as modalidades de contratación, períodos de proba, clasificación profesional, número de xornadas de traballo, réxime disciplinario, normativa en prevención de riscos laborais, mobilidade xeográfica ou a formación e cualificación profesional, entre outras. “Estamos en contra de que estas materias sexan absorbidas e se negocien a nivel estatal, porque deixan a negociación colectiva territorial e sectorial practicamente baleira”.

Fronte a isto, a CIG aposta por un marco galego de relacións laborais “e por iso hoxe estamos aquí demandando un convenio galego do metal, que unifique as catro plataformas provinciais, homoxeneice o sector e evite así que entre as propias empresas se poidan facer competencia desleal polos custes salariais”.

“Non necesitamos a negociación colectiva para negociar os día festivos, necesitámola para negociar os nosos salarios, a nosa xornada e as nosas condicións laborais”, insistiu.

Bouzas Aboi destacou que a comisión paritaria creada no marco do convenio estatal pode, ademais, incidir e decidir en calquera convenio territorial, con independencia da representación sindical. “Estamos totalmente en contra de que esa comisión paritaria ostente unha representatividade que non é real”, afirmou, ao tempo que lembrou que, en Galiza, a CIG é a central maioritaria no sector.

Xunto a isto, subliñou que no convenio tamén se acordou implantar e xestionar a actual Tarxeta Profesional para o todo o sector do metal (TSM) e a formación preventiva de riscos laborais para o sector, con cursos dun mínimo de 20 horas. “O cal significa que serán os/as traballadores/as quen teñan que pagar a formación, mentres que as propias entidades que asinaron o convenio terán subvencións por parte da administración. Esta é unha nova forma de financiamento tanto para Confemetal como para CCOO e UGT”, denunciou.

Adiantou tamén que a CIG vai recorrer o convenio estatal unha vez saia publicado.

Unha reforma "para matar a negociación colectiva"

Pola súa banda, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, denunciou que a patronal aproveitou a situación de crise e uns gobernos favorábeis para tentar precarizar cada vez máis as nosas condicións de traballo. Subliñou que as reformas laborais non se fan por razóns de carácter técnico, senón que teñen un profundo contido ideolóxico: o principal obxectivo é favorecer o incremento da marxe de beneficios do capital a conta de empobrecer a clase traballadora.

Nesta liña vai a reforma da negociación colectiva, ferramenta fundamental da clase obreira para melloras as súas condicións de vida e lograr unha distribución máis xusta da riqueza. Porén, a reforma da negociación colectiva “busca matar a negociación colectiva”, aseverou. A esta pretensión obedece a limitación da ultraactividade, favorecer os convenios de empresa fronte aos sectoriais, ou facilitar os descolgues.

“E nesa estratexia colaboran CCOO e UGT. Aínda que din confrontalas, na súa práctica colaboran permanentemente na implantación destas contrarreformas”, criticou Seixo. “Para a CIG é fundamental que os traballadores e traballadoras teñan capacidade de decidir sobre as súas condicións laborais, que non se poden decidir entre as cúpulas sindicais e patronais sentadas nunha mesa en Madrid”.

O Secretario Xeral insistiu no feito de que centralizar a negociación colectiva significa que as traballadoras e traballadores perdan a capacidade de decidir o que se negocia nesas mesas. Por iso, non dubidou en afirmar que a CIG seguirá a combater esta situación "e se iso impide que haxa unidade sindical, pois non haberá unidade sindical, por que non queremos unidade sindical se iso é para matar o movemento obreiro".

Novas relacionadas:

CIG-Industria lanza unha campaña contra o Convenio Estatal do Metal asinado por CCOO, UGT e CONFEMETAL

A CIG-Industria convoca dúas xornadas de folga no sector do siderometal de Ourense pola paralización do convenio