Delegados/as da CIG-Telefónica concéntranse diante do Parlamento en demanda de “emprego aquí e non en Madrid”

Demandan dos grupos parlamentarios que se condicionen as axudas á multinacional ao desenvolovemento económico autocentrado e a creación de emprego en Galiza

Compostela -

Persoal de Telefónica, delegados e delegadas da empresa, representantes da FGAMT, da comarca de Santiago e o propio secretario xeral da CIG concentráronse este xoves diante do Parlamento de Galiza en demanda do mantemento en Galiza do emprego directo na multinacional de telecomunicacións. A mobilización coincidía cunha serie de xuntanzas previstas cos grupos parlamentarios.

No decurso da concentración Antonio Lima, secretario nacional da sección sindical da CIG-Telefónica  denunciou o progresivo desmantelamento da Telefónica en Galiza. “Iso implica a perda de expectativas laborais para o actual cadro de traballo, pero sobre todo o espolio dunha infraestrutura produtiva moi importante como son as Telecomunicacións, para toda a clase traballadora e para todo o país”.

A CIG-Telefónica asegurou que o que está facendo a empresa é concentrar e centralizar o persoal e a estrutura organizativa, de forma que en Galiza “imos quedar, na práctica, un puñado de traballadores para abrir e pechar as portas das centrais e apagar a luz”. Alertou ademais de que a multinacional pretende externalizar toda a produción e deixala en mans das contratas, con emprego precarizado, concentrando en Madrid e Barcelona a estrutura directiva e de deseño, isto é, o traballo cualificado da empresa.

“Iso implica deixar a Galiza sen un sector fundamental de desenvolvemento económico porque se o deseño, a dirección, a organización e planificación da actividade das telecomunicacións está lonxe da Galiza iso acabará tendo impacto no servizo que se presta, tanto no seu funcionamento como na adecuación”, explicou Lima, quen engadiu que “sectores produtivos tan importantes como a automoción, o naval, precisan de redes de telecomunicacións elaboradas construídas, mantidas e operadas cerca dos propios centros produtivos”.  Por iso, a CIG-Telefónica entende que isto é, polo tanto, “amputarlle un sector económico clave á economía galega”.

Condicionar as axudas ao desenvolvemento económico e ao emprego no país

Diante desta realidade CIG-Telefónica estase dirixindo aos grupos parlamentares, partindo de que unha das súas funcións debe ser reivindicar unha estrutura produtiva, en Galiza, onde estea incluído todo o proceso de produción das telecomunicacións. “O traballo que eles poden e deben facer é fiscalizar a acción do goberno e as cuantiosas subvencións e axudas públicas que se lle están dando aos operadores, nomeadamente a Telefónica que é o dominante de mercado, e condicionalas ao desenvolvemento económico autocentrado e ao emprego no país”.

Ademais estáselles entregando un escrito no que se cuantifica o que está a ocorrer e que reproducimos de seguido:  

“EMPREGO EN TELEFÓNICA NA GALIZA”

A Sección Sindical da CIG na Telefónica ven desenvolvendo unha intensa actividade sindical dentro da Empresa “Telefónica de España, S.A.U.”, “Operadora Dominante” en Galiza e no Estado Español -hoxe denominada “Operador con Poder Significativo no Mercado”.

O novo modelo de Relación Laboral é un novo modelo de distribución de plantel

Logo de destruír 55.000 empregos entre 1993 e 2013, en 2016avanza decididamente o novo período no que a a súa prioridade é a transformación radical do Contrato Colectivo de Emprego en Telefónica; a máis da redución de emprego (nova redución neta de 6500 empregos no Plan de Adecuación de Plantel 2015-2017), a Empresa ven impoñendo novas condicións laborais e salariais, con medidas de flexibilización interna e externalización da produción do servizo de telecomunicacións, recollidas no Convenio de Empresas Vinculadas-CEV (Telefónica de España, S.A.U.; Telefónica Móviles, S.A.U. e Telefónica Soluciones-TSOL.

Esa nova política de xestión de recursos humanos inclúe a redistribución do cadro de persoal e unha nova organización do traballo que exclúe a Galiza do emprego de calidade e a produción de servizos avanzados de telecomunicacións. Unha afirmación fundada nas decisións tomadas e executadas sen interlocución sindical na Galiza, sen dar explicacións, pero que son moi explícitas da súa vontade e estratexia.

Empezou a acelerarse en 2011-13 coa aplicación do último E.R.E. que reduciu un 32 % do cadro de persoal na Galiza, pese a que o plan social comprometía a reposición do 7% das baixas, incumprido na Galiza con 0 % reposicións; seguiu nese mesmo ano 2011 coa liquidación do Territorio Galiza-Asturias, con capital en A Coruña e a implantación do “Territorio Norte”, trasladando a capital a Bilbo; en outono de 2012, degradase de categoría Pontevedra e A Coruña a Tipo III, como Ourense e Lugo, esta última xa con menos de 100 traballadores/as.Hai 4 tipoloxías internas, decisivas para a organización e a distribución do traballo, conforme ao número de empregos: provincias especiais –Madrid e Barcelona- e provincias Tipo I, II e III.

A novembro de 2015, as Empresas do Grupo Telefónica integradas no CEV (fixa e móbil) tiñan na Galiza 1240 traballadores/as, aproximadamente, o 4.56 % do persoal no estado, 27.170; porén, unha proporción adecuada ao peso da poboación da nosa nación no conxunto do Estado Español seríasobre o 7 %, 1902, ou o que é o mesmo: nesa dataxa arrastrabamos un déficit de plantel de 662 traballadores/as na Galiza; como pode verse, a situación empeorou, xa que en xuño de 2014 a nosa estimación era dun déficit de 472 traballadores/as.

Mesmo con criterios “a priori” desfavorábeis ao peso económico do noso país, o p.i.b., o plantel xa é deficitario hoxe, momento no que se intensifica o enterramento definitivo das expectativas de Emprego cualificado nas telecomunicacións na Galiza.

Concentración e Centralización:

Porque o certo é que a “Transformación” en curso leva a un modelo de xestión empresarial que inclúe a concentración e centralización do cadro de persoal nos dous pivotes “especiais” (Madrid e Barcelona) e nas outras tres capitais territoriais: Bilbo, Valencia e Sevilla. Será nestas cinco cidades onde se reúna cadro de persoal suficiente para constituír unidades capaces de acometer actividades complexas e organismos de dirección propiamente ditos, deixando polo resto das “provincias” do estado presenza testemuñal de persoal propio.

A proba do nove: o cadro de persoal de Telefónica Móviles na Galiza era en novembro de 2015 de aproximadamente 70 persoas, sobre un total de 4.000 no Estado Español, o 1.5 % do total (¡!); como é público e notorio, todo o proceso de “transformación” da relación laboral e da organización interna da Empresa ten como obxectivo inmediato, a curto prazo, a “Converxencia” de servizos, planteis e empresas Fixo-Móvil.

Velaí o contido real do “mercado único”, promovido polo Sr. Alierta, presidente do Consello Empresarial da Competitividade: todos somos iguais, pero uns máis ca outros, uns pagamos as facturas de servizos xerados por outros, poñendo en marcha un sistema de extracción de rendas da periferia cara o centro propio de sistemas neocoloniais. A localización do emprego cualificado tamén é un potente mecanismo de redistribución de rendas.

Recentralización:

Ao tempo, un sistema de xestión coa cabeza “decisora” situada noutros centros económicos conduce necesariamente a un descoñecemento da realidade económica e mesmo física do país, que devén inevitabelmente nunha redución da cantidade e da calidade do servizo. Ao pouco tempo, nun proceso historicamente coñecido no noso país, o que se presenta como causa, o falso motivo da “pobreza” do mercado local, acaba converténdose nun resultado moi real: tera como efecto ampliar o atraso económico e tecnolóxico. Coma noutras épocas; a comparación que fai o noso sindicato entre a denominación Territorio Norte da actual direccióne a de Territorio Noroeste propia do franquismo, non é unha brincadeira.

Recentralizar é devolver a nosa nación ao pasado, ao empobrecemento colectivo, a emigración dos/as máis capaces, para maior gloria das elites do Centro, das que a Telefónica son o seu máis conspicuo representante: marcan camiño ao resto.

Se na actualidade non hai ameza expresa de desprazamento forzoso do actual cadro de persoal, é clara a ameaza de excluír do emprego de calidade nas telecomunicacións na Galiza ás futuras xeracións: só lles quedará a emigración ou o emprego precarizado e degradado das subcontratas.

O papel das Administracións Públicas:

Temos que denunciar a hipocresía das administracións públicas, nomeadamente as galegas pero tamén as máis altas instancias do Estado, que contribúen con masivas subvencións a implantación de redes  e servizos para negocios privados, pero con cuantiosos fondos públicos; atención a Lei Xeral de Telecomunicacións, 9/2014: “Disposición adicional decimocuarta. Coordinación de las ayudas públicas a la banda ancha y al desarrollo de la economía y empleo digitales y nuevos servicios digitales.”

Emprego, investimento e intervención pública no desenvolvemento económico, son tarefas e responsabilidades competencia do Goberno e do Parlamento Galego.

Por iso a nosa Sección Sindical, Cig-Telefónica, sigue e seguirá a loitar polo futuro do Emprego na Telefónica na Galiza, e por extensión, polo Emprego directo nos Operadores de Telecomunicacións na Galiza.

Volver