• Nova

Demandan á Xunta medidas para garantir a seguridade dos/as axentes forestais e que se traballe en equipas de dúas persoas

A Xunta de Persoal Funcionario da Coruña rexeita a agresión a un traballador da zona de Betanzos
A Coruña - 18 Feb 2022

A Xunta de Persoal do Funcionariado dos Servizos Periféricos da Xunta de Galiza na provincia da Coruña reclamoulle ás consellarías do Medio Rural e de Medio Ambiente -das que depende o persoal do corpo de axentes forestais e ambientais- que tomen de inmediato medidas para garantir a máxima seguridade deste colectivo de traballadores e traballadoras. Unhas medidas cuxa urxencia, sinalan, volveron quedar en evidencia hai unhas semanas, cando un axente forestal da comarca de Betazos foi brutalmente agredido.

Na reunión da Xunta de Persoal celebrada esta semana, acordouse emitir un comunicado público de solidariedade con este compañeiro e para rexeitar calquera acto de violencia cometido "contra as persoas que traballan na administración pública ao servizo de toda a cidadanía".

O presidente do órgano de representación, Eduardo Freire (CIG), explica que as condicións nas que ten que desenvolver o seu traballo este colectivo, en ocasións realizando tarefas en zonas illadas, moitas veces sen cobertura de comunicacións e tendo que xestionar en soidade situacións conflitivas con posíbeis infractores/as, "agravan as consecuencias de calquera tipo de accidente ou agresión".

Por iso, para evitar e minimizar estes riscos, a Xunta de Persoal esixe que se tomen medidas "para dar a máxima seguridade ás persoas traballadoras diante de agresións pero tamén ante posíbeis accidentes que, como sinalamos, poden verse agravados pola situación de soidade e incomunicación" na que se traballa. E como medida imprescindíbel, reclaman que este traballo sexa feito como mínimo en equipas formadas por dúas persoas e non en solitario como se fai agora.

Xunto a isto, o órgano de representación demanda da administración galega que dea a asistencia xurídica que precise o persoal traballador que se vexa implicado en procesos penais debidos a agresións sufridas no exercicio das súas tarefas.