Demandan melloras nas medidas de protección contra o coronavirus nos centros de menores

A CIG-Autonómica esíxelle a Política Social que faga probas PCR e contrate persoal
Nacional - 08 Set 2020

O sector de Autonómica da CIG-Administración reclámalle á Consellaría de Política Social unha serie de melloras nas medidas de protección fronte á covid-19 nos centros de menores, como a realización de probas PCR, a contratación de máis persoal e a elaboración de avaliacións de riscos laborais actualizadas co regreso ás aulas e a previsión ante os gromos nas vilas e cidades.

Dende a central denuncian que o departamento autonómico non está a realizarlle probas PCR ao persoal “nin sequera cando regresa de vacacións ou de baixas laborais, nin ás crianzas logo de permisos coas súas familias”.

Ao mesmo tempo, demandan medidas e garantías de seguridade cun planeamento que resolva as cuestións que xurdan no regreso ás aulas (tanto por importar o virus como ante unha situación de confinamento ou corentena). 

A central solicitou unha reunión urxente coa secretaría xeral para abordar a necesidade de persoal e medios

Neste senso, solicitaron unha reunión urxente coa secretaría xeral da Consellaría para tratar as necesidades de persoal e medios coas organizacións sindicais ademais da convocatoria do comité de seguridade e saúde laboral.

“Os centros de menores deben prestar o servizo coa máxima normalidade posible coa perspectiva de que este problema non ten unha solución a curto prazo e que a educación e a atención aos menores é prioritaria; porén, é unha irresponsabilidade da Xunta que se faga sen seguridade fronte á covid e sen respectar as garantías laborais e de prevención de riscos do persoal”. Polo que, no caso de que a Administración non actúe con dilixencia, solicitarán amparo presentando denuncia na autoridade laboral.

 Estas son as principais demandas da CIG para os centros de menores:

-A realización de probas PCR a todas as persoas traballadoras e usuarias periódicas e tras a reincorporación dos permisos e das vacacións.

-Material preventivo axeitado en cantidade suficiente (e máscaras de protección FPP2).

-Actualizar a avaliación de riscos laborais de cada centro ao risco biolóxico do covid ao momento actual de gromos e volta á escola.

-Protocolo pola reincorporación das menores aos centros escolares.

-Información e formación a todo o persoal.

-Cubrir as quendas até xornadas completas e cadro persoal axeitado para formar os chamados grupos burbulla ou unidades de convivencia.

-Contratación de persoal suficiente para o reforzo das tarefas de limpeza, desinfección e lavandería.

-Asegurar a protección das persoas traballadoras especialmente sensibles e das embarazadas.