O excoordinador do servizo de atención LGBTI+ demanda a adxudicataria e ao Concello da Coruña por acoso moral e vulneración de dereitos

Reclama que se recoñeza a nulidade da medida
A Coruña - 06 Xul 2021

O Xulgado do Social da Coruña admitiu a trámite a demanda presentada polo ex-coordinador do servizo municipal de atención LGBTI+, Pablo Andrade, por acoso moral no traballo e vulneración de dereitos fundamentais contra o Concello da Coruña e a Asociación AGASEX, que ten o contrato para a prestación deste servizo.

Segundo explica o propio afectado, a asociación procedeu a despedir o coordinador deste servizo municipal, que á súa vez foi o técnico que redactou os pregos técnicos gañadores das licitacións públicas deste servizo municipal desde o ano 2016 até a actualidade.

O despedimento "unha clara represalia"

Este despedimento é definido na demanda como unha clara represalia pola intención do traballador de facer reclamación formal por acoso e inactividade administrativa do Concello da Coruña polo incumprimento do prego de contratación do Espazo municipal das Diversidades  Sexuais e Identidades de  Xénero (Espazo Diverso). Pois segundo se recolle na demanda, resultaba evidente a  obstaculización intencionada do Concello, coa complicidade ou/e pasividade da asociación, para a realización das necesarias actividades do Espazo Diverso contidas no prego de contratación e para as que foi contratado o demandante.

A Asociación demandada, coñecendo estes feitos e as reclamacións realizadas polo traballador, procede de forma fulminante a despedilo disciplinariamente, "recoñecendo sen pudor que o despedimento é ordenado por persoal do Concello e que o único motivo para executalo é que ameazan con non renovarlles a licitación nin contratar outro tipo de actividades públicas con esta asociación", apunta o afectado.

E así se recolle textualmente na carta de despedimento: “…notificouse a esta Asociación á que represento, que se continúa vostede traballando no contrato indicado, non se procedería a renovar o mesmo, (como sabe pendente de próxima prórroga), nin se contratarían máis actividades con esta Asociación”.

Os feitos que se reflicten na carta de despedimento, segundo se recolle na demanda, son unha clara reacción empresarial e institucional ante a comunicación realizada polo demandante días antes, de iniciar procedemento de denuncia pública contra a actitude da administración, tamén demandada, respecto do traballador e do seu espazo de traballo, ademais de constituír a actitude do Concello unha coacción á asociación demandada, suceptíbel de xerar responsabilidades penais.

Na demanda presentada polo coordinador técnico do servizo enténdese que o despedimento ten como único obxectivo anular a capacidade do traballador para denunciar a situación de acoso laboral e de baleirado intencionado da actividade do  Espazo Diverso.

Mostras de apoio ao ex-coordinador do servizo

Ante o coñecemento do despedimento, están sendo numerosas as mostras de apoio dadas ao ex-coordinador do servizo. Desde o movemento LGBTI+ da cidade trasladouse o seu apoio a través do manifesto redactado conxuntamente polo colectivos  Amizando, Avante LGBT+, Abrir Fenda e OROD, lido na concentración con motivo da celebración do Orgullo o domingo 27 de xuño de 2021 na praza de Maria Pita.

A secretaría das Mulleres da CIG mostrou o seu apoio e brindou axuda ao traballador, ademais de mostrar a súa indignación pola actitude do Concello recollida na demanda, baleirando de contido un servizo municipal tan necesario para as persoas LGBTI+.

Tamén recibiu mostras de apoio de persoas e familiares usuarias do servizo, do movemento feminista, de compañeiras da propia asociación, e de diferentes profesionais da súa área de traballo coas que colaborou desde o ano 2016 neste servizo municipal.

O traballador ademais recibiu o apoio de representantes de Marea Atlántica e BNG que lle manifestaron a clara intención de vixiar que a atención LGBTI+ do Concello non se utlilice con fins partidistas, e siga sendo contratado este servizo municipal con todas as garantias técnicas e de concorrencia pública mediante o sistema de licitación e non por convenio. Coincidiron tamén en valorar positivamente o traballo realizado ao longo destes anos polo persoal técnico do  Espazo Diverso.

Reclámase a nulidade da medida

O xuízo celebrarase o próximo mes de setembro no xulgado do social da Coruña e na demanda solicítase a nulidade do despedimento, a reparación das consecuencias derivadas da acción denunciada condeando a empresa, a administración e codemandados, conxunta e solidariamente ao abono da indemnización correspondente por danos morais inherentes á vulneración dos dereitos fundamentais e, subsidiariamente, que se recoñeza o carácter improcedente do despedimento.