Denuncian a exclusión do persoal de ambulancias subcontratadas do programa de vacinación covid19

Cualifican o trato de “discriminatorio” e demandan que se considere persoal de primeira liña
Nacional - 15 Feb 2021

A FGAMT-CIG e a CIG-Saúde denuncian o trato discriminatorio que está a recibir o persoal que traballa nas ambulancias subcontratadas polo Sergas, ao non incluílos no programa de vacinación covid.

Neste momento estase a vacinar a todo o persoal tanto da sanidade pública, como de empresas privadas contratadas para a súa prestación nos centros sanitarios sen distinción, agás o persoal contratado polas ambulancias.

Nos hospitais, hai dous tipos de contratas de ambulancias. Unha é a encargada do transporte urxente entre hospitais e tamén das altas a domicilio, e outra é a encargada do traslado programado de pacientes dende os domicilios a Consultas Externas, rehabilitación, diálise...

No caso do transporte interhospitalario urxente, que se dá sobre todo nos hospitais comarcais, este realízase medicalizando, con persoal propio do SERGAS, as ambulancias contratadas para o centro.

Exposición a COVID-19

O persoal das ambulancias que realiza estes traslados urxentes -que agora mesmo a maioría son pacientes COVID que se trasladan á UCI do hospital de referencia (moitos deles intubados)- están expostos ao contaxio por COVID-19; e de feito, para introducir na ambulancia ao paciente, retiralo e trasladalo á unidade correspondente nas camillas, teñen que enfundarse nos EPIS correspondentes, posto que están a carón do paciente.

Cando se vacinou ao persoal de primeira liña incluíuse exclusivamente ao persoal das ambulancias do 061, e o persoal das subcontratas de ambulancias para traslados urxentes quedaron fóra desta consideración, cando efectivamente tiñan que ser considerados de primeira liña. Agora,cando deberan corrixir o “erro” cometido e incluílos no grupo 3A, volven a quedar fóra da vacinación.

Por iso a CIG exixe á consellería de Sanidade e á Dirección de Saúde Pública que revisen as actuacións feitas até o de agora e inclúan inmediatamente a este persoal en igualdade de condicións que o resto de traballadores e traballadoras da sanidade galega.