• Nova

Denuncian a explotación laboral e o espolio de recursos naturais de SUREXPORT na Terra Chá

A empresa forza xornadas diarias de 12 horas e mesmo nega o dereito a unha alimentación digna
Castro de Rei - 19 Ago 2021

Diversas organizacións galegas, entre elas a CIG, mobilizáronse este mércores no polígono de Castro para denunciar as graves prácticas que a empresa onubense SUREXPORT -agroindustria que acapara o sector da produción privada de froitos vermellos con plantacións en Kenia, Marrocos, Portugal e o Estado español- está a operar na Terra Chá.

Condicións laborais miserentas, acaparamento de terras e contaminación de augas e solos son algunhas das denuncias que fan para alertar á cidadanía e á Administración desta nova ofensiva da agricultura agroindustrial contra o noso medio rural.

Para iso, no decurso da mobilización repartiron, ademais, medio milleiro de panfletos informativos na feira de Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo).  Unha acción informativa a pé de rúa á que lle seguiu unha concentración diante da sede que SUREXPORT ten en Castro, que foi secundada por arredor dun cento de persoas.

Vulneración de dereitos

Alí representantes das organizacións convocantes manifestaron o seu rexeitamento á explotación laboral e á vulneración dos dereitos das persoas que se están a cometer nos campos de traballo de Surexport. "Dicimos ‘Non!’ a que baixo ameazas se forcen xornadas de 12 horas diarias, cun salario inferior ao estipulado por convenio, a que se negue o dereito a unha alimentación digna, a unha hixiene digna ou un trato digno ás persoas traballadoras, a maioría delas migrantes que, desprazadas dende outros campos de traballo que a empresa ten en Huelva e outros lugares, son mesmo privadas do dereito a unha vivenda digna".

Aliás, incidiron, en que é totalmente falso que Surexport xere riqueza ou traballo na Terra Chá. Lonxe de o crear, destrúe emprego local e expulsa xente labrega ao impedir ás pequenas produtoras o acceso á terra. "A maiores de destruír emprego e contribuír ao despoboamento das zonas rurais e ao peche de explotacións agrarias e gandeiras, os postos de traballo que xera son precarios e temporais e non permite fixar poboación na zona onde se asenta".

Espolio de recursos naturais

Xunto a isto denunciaron que a agroindustria non só explota ás persoas, tamén espolia os recursos naturais das poboacións nas que se instala. Neste sentido aseguraron que “o modelo destrutor de Surexport, baseado na produción intensiva, non só non produce alimentos de calidade, senón que é prexudicial para os ecosistemas e o medio ambiente, debido ao constante uso de produtos agroquímicos e o inxente gasto de recursos como a auga que esixe este tipo de produción”.

Denuncia na Subdelegación do Goberno

As mobilizacións foron completadas cunha denuncia rexistrada na Subdelegación do Goberno (adxunta), na que solicitaron que coa maior celeridade posible sexa posta en marcha unha investigación exhaustiva por parte das administracións competentes (Subdelegación do Goberno, Inspección de traballo e Consellería de Emprego) ao respecto do trato que SUREXPORT está a infrinxir contra as persoas empregadas -na súa meirande parte procedentes de África-, así coma os seus impactos medioambientais e estratexia de acaparamento de terras agrarias.