Denuncian a falta de persoal facultativo no Centro de Saúde de Ribeira

Responsabilizan á Xerencia desta situación que xa lle foi comunicada no mes de marzo

Ribeira -

Persoal facultativo do Centro de Saúde de Ribeira e CIG-Saúde denuncian as ausencias crónicas non cubertas da categoría de facultativos do centro. Carencias que xa existían desde antes da pandemia e que se viron agravadas pola situación actual.

Segundo explican, o cadro de persoal habitual serían 9 médicos de familia en quenda de mañá e 5 en quenda de tarde, máis 4 pediatras. Porén, a data de hoxe o persoal facultativo que hai é de 3 médicos de familia e 2 pediatras para todo o centro. Unha situación agravada tamén pola ausencia de pediatra na Pobra do Caramiñal, o que provoca que se teñan que asumir a estas e estes doentes.

Aseguran que a consecuencia disto as súas axendas, que xa están bastante avultadas pola pandemia, “víronse agravadas por ter que asumir os cupos do persoal facultativo que, por motivos persoais xustificados (baixas, permisos familiares...), non puido acudir ao centro”.

Isto supón que pasen de 60 doentes por xornada, chegando algunha delas arredor de 80 cando unha axenda normal se atopa, segundo indican, en arredor de 35 pacientes). “É un agravio para as e os pacientes, xa que a maioría deles están sendo chamados máis de 2 horas despois do seu horario de cita e a outros se lles atrasa a cita para días posteriores”. Xunto a isto denuncian que as persoas doentes ás que se atende de forma presencial “se lles está dedicando menos tempo do recomendado, dada a imposibilidade de atender 70 pacientes na mañá, máis as urxencias que poidan xurdir no decurso da quenda de mañá no centro”.

Está situación xa foi denunciada dende marzo polo propio centro e notificada reiteradamente polas centrais sindicais nas reunións de comisión de centros ca Xerencia, “sen que esta adoptara medida algunha”, aseguran.

Por iso demandan unha mellor xestión por parte da Xerencia e a cobertura das ausencias para que as e os pacientes teñen unha axeitada calidade asistencial.

Volver