Denuncian a “pésima” xestión da Xunta do brote hídrico de Corme
CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian que o brote hídrico de gastroenterite que se vén producindo desde o 26 de setembro en Corme, que afectou a ducias de veciños da localidade, con vómitos e diarreas, foi xestionado incorrectamente polos responsables da Consellería de Sanidade.
Sinalan que o brote de gastroenterite iniciado o sábado 21 de setembro, non se investigou até o luns 23, “expoñendo durante varios días á poboación a riscos para a súa saúde”. Por iso denuncian que “non se adoptaran de xeito inmediato as medidas necesarias para o seu control, nin se recolleron as mostras de auga durante eses días para avaliar a súa orixe, a súa incidencia e a súa evolución”.
Cualifican de “insólito” que a Consellería de Sanidade agardase até o luns 23 de setembro para activar a alerta sanitaria, e enviar aos inspectores farmacéuticos de saúde pública a inspeccionar e avaliar o incidente, así como a determinar a súa gravidade e a instaurar as medidas correctoras necesarias para o seu control sanitario, e protección da poboación. “Unha vez mais, e xa van moitas, a Consellería de Sanidade, é incapaz de dar unha resposta en tempo e forma a este tipo de alertas sanitarias, por negarse sistematicamente a negociar coas organización sindicais un sistema de gardas para que os Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública poidan actuar neste tipo de emerxencias tódolos días do ano.
Convocatoria da comisión de seguimento
As organizacións sindicais instan á Consellaría de Sanidade a convocar inmediatamente a comisión de seguimento do acordo de dispoñibilidade horaria, asinado o 23 de novembro de 2016, que permite abordar o problema da falta dun sistema de alertas sanitarias, que demandan as organizacións sindicais e os propios inspectores farmacéuticos, para dar un mellor servizo e protección a poboación en todo o que atinxe a sanidade ambiental.