Denuncian a prohibición da manifestación convocada no centro de emerxencias da Estrada para reclamar o pago de incentivos no 061
O comité de empresa de Grupo Norte, que xestiona a atención telefónica do 061, desenvolveu hoxe unha concentración diante do centro de emerxencias da Estrada para denunciar a prohibición por parte da Policía autonómica da manifestación prevista no recinto para reclamar o pago de incentivos.
Segundo explican dende a representación da CIG, a pesar de que a Subdelegación do Goberno autorizara a mobilización, un informe negativo do corpo policial da Xunta impediu que finalmente se puidese celebrar, polo que os integrantes do comité optaron por concentrarse diante do edificio con carteis denunciando que “A Xunta censura o 061”. A protesta simbólica estivo custodiada en todo momento polo amplo dispositivo despregado no exterior do recinto por Policía local, nacional e Garda Civil.
O persoal reclama, entre outras cuestións, o pagamento dos incentivos salariais do 7,5% cada seis meses, que a empresa reduciu ao 5% de xeito unilateral nada máis facerse cargo do servizo. “Estivemos un ano negociando e dicían que os ían abonar porque fora un erro, pero pasou o tempo e nada, polo que decidimos retomar as mobilizacións”, explican dende a representación da CIG no comité. Tamén lembran que Grupo Norte e a Fundación 061 chegaron a un acordo polo que se lles priva de importantes melloras sociais ofertadas por Grupo Norte.