Denuncian a redución do orzamento destinado á contratación de persoal temporal no Concello de Vigo

O comité de persoal acusa o alcalde de degradar os servizos públicos co obxectivo de privatizalos

Vigo - Vigo -

O comité de persoal do Concello de Vigo -integrado pola CIG, CUT, CCOO, SICO-CSIF, SPPME, UGT- amosa o seu rexeitamento ás políticas orzamentarias do alcalde, Abel Caballero, e denuncia a intención do Goberno municipal de aplicar o incremento do 0,9% do Capítulo 1 do Orzamento 2021 a cargo dos remanentes derivados da partida de prazas vacantes. Entenden que detrás destas prácticas agóchase a intención de someter os servizos públicos municipais a un proceso de degradación continua en favor da súa privatización.

Esta decisión dos responsábeis locais traducirase en que durante o próximo ano a partida para contratación verase reducida, coa conseguinte redución na contratación de persoal temporal. “Unha vez máis o alcalde actúa co escuro propósito de someter os servizos públicos municipais a un proceso de degradación continua en favor da súa privatización”, critican. 

Esta medida resulta aínda máis indignante tendo en conta que algúns membros do Goberno local gozarán dun soldo superior ao do presidente do Goberno

Por iso consideran “inaceptábel” que se poidan eliminar postos de traballo no Concello de Vigo tendo en conta o “exiguo” cadro de persoal actual. “Esta medida resulta aínda máis indignante cando comprobamos, non sen estupor, que algúns corporativos/as desta Administración municipal gozarán dun soldo superior, incluso, ao que ten asignado o presidente do Goberno central”.

Inciden en que hoxe máis ca nunca é necesario o reforzo en persoal das Administracións públicas, e con esta redución, unha vez máis, os servizos públicos vénse resentidos e semellan orientados a un progresivo proceso de privatización. “A defensa dos servizos públicos a disposición da cidadanía non se pode basear en actuacións de inspiración populista exercidas só sobre o gasto público, senón con políticas responsábeis nas que se prime a satisfacción das necesidades reais da poboación, sobre todo en momentos tan críticos como os que estamos a vivir”.

Lembran que a defensa dun “estado social de dereito xusto, solidario e equitativo” precisa dun importante investimento público por parte das Administracións, “orientadas á xeración e non á destrución do emprego”. Consideran que este investimento debera asumirse, de maneira prioritaria, naqueles servizos de prestación obrigatoria que, por resultar esenciais e prioritarios para a sociedade, deben ser ofertados á cidadanía. “Pero ao mesmo tempo requírese dun mínimo exercicio de contención, de racionalización e de moderación no gasto público fronte a ocorrentes iniciativas políticas que pouco ou ningún beneficio xerarán para os sectores máis desfavorecidos da sociedade”.

Prioridades no gasto público

Neste senso, sinalan que a seguridade pública, a plena política social ás persoas dependentes e máis desfavorecidas e o acceso universal da veciñanza aos servizos públicos máis básicos son as liñas inspiradoras do gasto público que calquera gobernante debera ter en conta na súa xestión. “Sobre todo, e de maneira moi especial, nuns momentos de crise económica e sanitaria tan graves como os que estamos vivindo”.

Así, fan fincapé en que non son, precisamente, as obras “de cuestionábel utilidade pública”, nin as actuacións urbanizadoras “de dubidosa funcionabilidade urbana”, aqueles investimentos de diñeiro público que mellor contribúen a incrementar a calidade de vida da cidadanía.

“Para atender ás necesidades reais que, nestes dramáticos momentos, demanda a maioría da poboación, requírense políticas con vocación de servizo, claramente orientadas á satisfacción daquelas necesidades e a través dun sector público forte”. Diante disto, instan a Administración local a dotarse cos medios humanos e materiais necesarios para exercer as competencias que a Constitución lle atribúe ás Administracións municipais. “Servizos que deberán ofrecerse, sempre e en todo lugar, con arranxo aos mais elementais estándares de calidade que merece a cidadanía”.

Finalmente, lamentan que estes obxectivos distan moito de ser acadados polo actual Goberno municipal, “que semella estar máis preocupado por non poder darse un baño de multitude co gallo da inauguración do espectáculo lumínico do Nadal que en atender as penurias reais da veciñanza”.

Volver