Denuncian abusos laborais na residencia de maiores de Campolongo, da Xunta

O comité de empresa critica a nefasta xestión da dirección durante a crise do coronavirus

Pontevedra -

O comité de empresa do persoal laboral dependente da Xefatura Territorial de Política Social de Pontevedra denuncia os abusos laborais por parte da dirección do centro de maiores de Campolongo e a nefasta xestión durante a crise provocada polo novo coronavirus.

A representación sindical sinala que os responsábeis deste centro público limítanse a modificar carteleiras e a quitar días libres ao cadro de persoal “cada dous por tres” sen ningunha xustificación. “Comezou coa modificación das carteleiras despois da reunión do comité coa Xefatura Territorial, carteleiras que xa foran impostas por non acadar acordos coa representación do persoal”. 

Denuncian que a dirección modifica as carteleiras en lugar de solicitar reforzo de persoal

Segundo explican, ao inicio da crise sanitaria volveron modificalas en lugar de solicitar reforzo do persoal, o que levou ao comité a presentar denuncia na Inspección e Traballo o 25 de abril despois de intentar outras solucións. E o día 30 chegan ao centro tres efectivos do colectivo de Tecae con contrato de “ acumulo de tarefas” para reforzar as quendas.

“Pois ben, a dirección, nunha actitude ditatorial e tiránica, no canto de facer unhas carteleiras para estes efectivos volve modificarlle as carteleiras ao cadro de persoal. E o 5 de maio procede a modificar tamén as carteleiras do colectivo de camareiras/os-limpadoras/es".

Diante disto, dende o comité de empresa queren saber que é o que pensa facer a Xefatura Terrorial de Política Social para solucionar esta problemática provocada pola dirección, ao tempo que se preguntan onde quedan os dereitos de conciliación do persoal desta residencia. Tamén reclaman que se lles informe de que xeito ten pensado a dirección devolver os días (festivos e fins de semana sobre todo) detraídos da carteleira orixinal.

Volver