Denuncian atrasos no reparto do correo na unidade 3 da Coruña pola sobrecarga de traballo

Xunta de persoal e comité demandan que se dote o servizo de todos os efectivos necesarios

A Coruña -

Traballadores e traballadoras da Unidade de Reparto nº 3 do barrio das Conchiñas na Coruña denuncian que se están a producir atrasos no reparto do correo e presións, que afectan especialmente ao persoal eventual. Esta situación, explica a xunta de persoal e o comité de empresa, vénse producindo dende que hai dous anos a compañía postal reestruturou os barrios dos dous distritos que atende este centro, xerando unha distribución do traballo "desproporcionada e inxusta por desigual".

Dende aquela, lembra Xosé Fernando Novás, delegado da CIG en Correos, o persoal vénse mobilizando baixo o lema 'Recargos Cero' en defensa dunhas condicións laborais dignas e pola mínima calidade esixida ao servizo postal, "negándose a asumir o traballo engadido do barrio veciño cando o seu carteiro ou carteira titular se ausenta por vacacións, unha baixa por enfermidade, etc.".

Incremento das baixas laborais

Neste contexto, engade, os accidentes laborais e as excesivas baixas por enfermidade evidencian o exceso de presión que soporta o persoal de Correos pola sobrecarga de traballo e a falta de cobertura das ausencias. "A Inspección de Traballo xa ten requirido a Correos nalgunha provincia por esta situación, recoñecendo que  esta sobrecarga de traballo que esixe a empresa e que normalmente nin sequera avisa con antelación, significa para o carteiro/a unha presión que lle ocasiona unha situación de estrés laboral excesivo, o que supón un risco para a saúde do/a traballador/a e unha perda da calidade do servizo postal no barrios afectados".

A Unidade de Reparto 3 da Coruña atende unha zona tan densamente poboada como a da Agra do Orzán, As Conchiñas, O Ventorillo, As Roseiras e Visma.

Volver