Denuncian falta de información ante posibles contaxios por covid-19 na Residencia Volta do Castro

Está previsto que se fagan PCR e hai persoas residentes illadas por síntomas compatibles

Compostela -

A sección sindical da CIG na consellaría de Política Social da Coruña denuncia a falta de información diante dos últimos acontecementos na Residencia de Maiores Volta do Castro, na que se puxeron en marcha toda unha serie de medidas: illamento de persoal, confinamento de doentes e comunicación a todas as traballadoras e traballadores de que esta tarde se lles farán PCRs sen que se aclarara a razón.

Segundo explica a representante da CIG e traballadora deste centro, Mar Peteira, este domingo comezaron a chegar informacións de traballadoras da Residencia Volta do Castro nas que expresaban a súa preocupación porque se comentaba que unha auxiliar de enfermería dera positivo; que había algunhas persoas residentes confinadas por síntomas compatibles con covid-19 á espera de facer a proba e que foran repartindo máscaras de filtro coa indicación de colocar tamén por enriba máscaras cirúrxicas. Tapa bocas que “non cumpren os requisitos porque non son FPP2, son de filtro pero como para ir sulfatar”.

Rumores que a día de hoxe se traducen nun positivo; 13 auxiliares de enfermería que non foron traballar, porque supostamente están illadas na súa casa á espera das probas de PCR; as 130 persoas residentes que hai en Volta do Castro illadas nas súas habitacións, sen sequera baixar ao comedor porque se lles sube a comida e todo o persoal convocado para esta mesma tarde para facerlle PCR, ademais de a algunha persoa residente.

Demanda de información

Ante esta situación, a sección sindical da CIG na consellaría de Política Social da Coruña enviou un correo á secretaría xeral, ao responsable de Persoal da consellaría; á dirección do centro e á Xefatura Territorial solicitando información respecto deste posible novo surto “cando hai unha semana denunciamos que xa había un positivo e que non se lle estaban exixindo PCR ás persoas que se incorporaban”.

Comparan este comportamento co do CRAP de Vigo, onde segundo Mar Peteira “temos coñecemento de que houbo un traballador ou traballadora con positivo e a dirección do centro mandou unha circular informando a delegadas e delegados e a todo o persoal, no seu conxunto, de que había ese positivo, dos pasos a seguir e do que estaba previsto facer para atallar ese problema”.

“Na Coruña non se fai e en Volta do Castro moto menos”, denuncia. Afirma que a dirección da Residencia Volta do Castro “nunca se comunicou nin co comité de empresa, nin coas delegadas de persoal, nin coa sección sindical. Mantén desinformado a todo o persoal, o que crea maior confusión e máis medo que se tivera información do que ocorre”.

A sección sindical da CIG agarda, en todo caso, que nas probas que se van facer esta tarde “non teñan, como a semana pasada, ao persoal esperando na rúa até as sete e pico da tarde” e que poñan quendas “para que non nos teñan como gando agardando alí diante e repartindo botellas de auga”.

Volver