Denuncian falta de medios humanos e materiais nos PAC e en Primaria
A Comisión da Verdade sobre a sanidade pública galega arrincaba este luns no Parlamento de Galiza coa comparecencia dun representante da familia do doente falecido no PAC da Estrada, vetado polo PP, e de dous representantes de PACs en Pé de Guerra que denunciaron a falta de persoal e medios, as longas listas de agarda, a falta de especialistas en Medicina de Familia e a saturación que sofre a Atención Primaria.
Segundo os datos proporcionados por Pilar Rodríguez, unha das comparecentes en representación da plataforma “PACs en Pé de Guerra” e representante da CIG, nos 90 Puntos de Atención Continuada esparexidos por toda a xeografía galega traballan arredor de 1.200 persoas ofrecendo unha atención continuada e ininterrompida e resolvendo directamente o 91% das consultas atendidas.
Porén, o seu traballo, non se limita á consulta nos centros de referencia senón que asisten tamén urxencias e emerxencias fóra do centro, en domicilios, na vía pública, no monte…e fan continuidade de coidados os días que HADO non realiza asistencia ou traballo programado de curas e de administración de medicación en domingos e festivos.
Encomenda de non derivar ao hospital
Rodríguez lembrou que foi a decisión da dirección da Área de Vigo de encomendar, vía telefónica, a determinados/as profesionais a non derivación hospitalaria en pleno pico de gripe “porque o Hospital Álvaro Cunqueiro estaba colapsado” o que levou ao persoal a organizarse baixo o nome de PACs en Pé de Guerra. “Esta recomendación contraria ao criterio médico causou a indignación dun colectivo xa anoxado e saturado, polo que elaborou unha táboa reivindicativa que apoiou a maioría do colectivo sanitario”.
A representante da Plataforma trasladou as denuncias e reivindicacións de PACs en Pé de Guerra, nomeadamente a situación de sobrecarga na que se está a traballar na atención primaria, e como esta situación está a repercutir nunha saturación tamén nos PAC. “Un aumento de carga derivado das ausencias non cubertas de Especialistas en Medicina de Familia e Comunitaria nos centros adscritos a cada un dos PAC, as listas de agarda e a falta de pediatras en consultas de primaria”, afirmou.
Xunto a isto lembrou as cartas remitidas ao SERGAS denunciando, antes do 4 de agosto, os distintos descubertos nos PAC, mesmo de zonas cun aumento de poboación estival ou en días de festas e alertando da posibilidade de que estes centros quedasen desatendidos en caso de saídas. Porén, “a única resposta que tivemos por parte do SERGAS viu da Xerencia de Vigo que nos acusou de xerar unha situación de alarma. O tempo deunos, desgraciadamente, a razón”, lamentou.
Esa situación de desatención produciuse, tal e como o persoal viña advertindo, no PAC da Estrada co “triste desenlace do 4 de agosto”. Un falecemento a partir do que as traballadoras e traballadores agardaban que o SERGAS solucionaría as grandes eivas de recursos humanos, pero que non foi así porque “hai unhas semanas tivemos que denunciar que, coincidindo con días da folga dos PAC, se volveron dar novas situacións de descubertos”.
Neste sentido afirmou que o SERGAS incumpre os propios mínimos do 100% marcados por eles que consideran “totalmente imprescindíbeis para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, aos efectos de evitar que se produzan graves prexuízos a cidadanía”. Unha situación que non é illada e que atribuíu á “política de recortes de orzamentos e o ERE encuberto que se está producindo na sanidade, e nomeadamente en atención primaria, que foi a máis golpeada”.
Casos reais
Para ilustrar esa falta de persoal que denuncia a plataforma Pilar Rodríguez deu conta da situación que se vive no seu propio centro de traballo: un PAC cunha importante poboación rural que dá asistencia a unhas 20.000 persoas, con moita dispersión xeográfica, a 45 minutos do hospital e cun só equipo de medica, enfermeira e PSX/celadora, reforzado os fins de semana cunha médica a maiores. Isto é, de características similares ás do PAC da Estrada.
O traballo neste tipo de centros supón que toda a asistencia é asumida por un único equipo con frecuentes saídas cara o hospital de referencia o que provoca que o centro queda cando menos unha media de 2 h sen persoal sanitario. “En caso de quenda de tarde entre semana sobrecargase ao persoal de primaria, que ten que atender as urxencias doutras localidades, así como as propias, máis a súa propia consulta. En no caso de horario nocturno e fin de semana o problema vese obrigado a xestionalo o persoal non sanitario”.
Como exemplo de ocasións nas que tiveron que deixar o centro sen asistencia, moitas veces con persoas na sala de espera ou en medio dunha asistencia por ter que saír a unha urxencia/emerxencia relatou que neste mesmo verán o único equipo que hai foi mobilizado polo 061 xunto coa ambulancia e os técnicos para atender a unha persoa que se precipitou desde un lugar elevado en medio do monte e pola noite. “Houbo que ir até Oia en ambulancia, despois había que andar polo medio do monte unha hora porque o acceso coa ambulancia non era posíbel. Finalmente o acceso fíxose con 4x4 dun veciño. A asistencia levou 5 horas, nas que o centro quedou sen asistencia”, asegurou.
Ademais, segundo dixo, en fin de semana non contan con equipos completos medica/enfermeira. Así lembrou como nunha fin de semana unha equipa de médica-enfermeira acudiu a unha asistencia fóra do centro, mobilizado polo 061. “Quedou unha doutora soa e entrou unha persoa cunha doenza cardíaca aguda. Esta compañeira tivo que facer todo o traballo de diagnostico e trasladar en ambulancia ela soa. As tarefas de soporte vital avanzado están ideadas para realizalas en equipo”.
Persoal non sanitario só no centro
A representante de PACs en Pé de Guerra relatou tamén casos nos que queda persoal non sanitario só no centro porque o único que pode facer é comunicar ao 061 todas as solicitudes de asistencia que entran pola porta. Sobre isto lembrou como, recentemente, nunha saída do persoal sanitario ao hospital, en horario nocturno, chegou ao PAC un doente cunha opresión no peito e sensación de afogamento. “Por orde do médico da central do 061, o celador tivo que tomar as constantes e administrar osixenoterapia até que chegou a ambulancia máis próxima fóra de zona, que está a 30 minutos”.
A limitación de persoal tamén supón un problema nestes centros cando hai máis dun aviso urxente ao mesmo tempo. “Un día estaba a atender o único equipo do PAC unha reacción anafiláctica con administración de adrenalina, que require control médico. Nese momento chegou unha doente cun mareo e antecedentes cardíacos e, ao mesmo tempo chamou o 061 para saír a unha urxencia, co PAC cheo de xente nese intre”.
Lembrou que a doente mareada tivo que agardar unha ambulancia asistencial para seu traslado mentres a persoa coa reacción anafiláctica foi trasladada polo equipo sanitario. “A emerxencia activada tivo que agardar á volta do persoal sanitario do hospital, incumpríndose os tempos de recomendación de activación”, denunciou.
E xunto a estes casos denunciou a falta de transporte sanitario suficiente na zona, que teñen obrigado a trasladar en taxi á/ao doente ou un caso dun ictus nunha persoa nova que coincidiu cun shock anafiláctico e que obrigou a trasladar a ambos os doentes compartindo ambulancia porque a máis achegada estaba a 30 minutos do centro.
Pilar Rodríguez lamentou estes casos “impactantes” pero “máis comúns do que se pensa” e reclamou que se escoite ás/aos profesionais e usuarios/as da sanidade pública; que se dote de recursos humanos e técnicos a Atención Primaria e que se recuperen as Xerencias de atención primaria con capacidade de decisión e orzamento propio, para poder analizar e planificar máis axeitadamente os recurso sanitarios que son necesarios.
Denunciou ademais a “falta de previsión” e “mala xestión” diante das xubilacións de persoal producidas nestes anos e exixiu que se dignifique a profesión sanitaria. “As traballadoras dos PAC somos, despois de todos os profesionais eventuais, o persoal con peores condicións laborais da sanidade”.