Denuncian o caos existente no Rexistro da Xunta en Lugo por falta dun criterio único no protocolo Covid

Estanse a dar citas posteriores ao remate dos prazos para presentar solicitudes a bolsas de emprego

Lugo -

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia o “caos” que se está a producir estes días no Rexistro Xeral do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza en Lugo como consecuencia da falta dun criterio unificado na aplicación dos protocolos Covid-19.

Dende a central sinalan que aínda que a situación na que se atopa este departamento do edificio administrativo prodúcese por moitas razóns, “unha das fundamentais é a falta dun criterio minimamente unificado na aplicación dos protocolos Covid-19 por parte das Administracións”. 

A situación está a provocar tensións entre a cidadanía e o persoal que atende o servizo

Neste senso, lembran que o vindeiro venres 21 remata o prazo para a presentación de solicitudes para inscribirse nunha bolsa de emprego para substitucións en diferentes categorías profesionais, publicadas polo Concello de Lugo. “O elevado número de solicitudes para este trámite que se produciron e se seguen a producir a día de hoxe fai que os rexistros se vexan en moitos casos colapsados”.

O Concello de Lugo informa a cidadanía que ao Rexistro só se pode acceder con cita previa para poder cumprir cos protocolos esixidos polas autoridades sanitarias. “Estes protocolos fan que cando a cidadanía solicita cita previa, e debido á inxente cantidade de solicitudes, esta cita se conceda en datas posteriores ao peche do prazo de presentación de solicitudes das bolsas de traballo ofertadas”.

A partir de aí, e ante a imposibilidade de que as solicitudes entren dentro do prazo establecido polo Concello de Lugo, “a cidadanía desprázase en masa ao Rexistro e neste punto é onde se están a producir excesos de carga de traballo, colas sen fin e situacións de tensión entre cidadanía e persoal que atende o servizo”.

Por iso dende a CIG pregúntanse por que razón dúas Administracións actúan con criterios tan distintos sobre protocolos de saúde. “Cal é a razón de que o Concello só atenda con cita previa e a Xunta atenda con cita previa e sen ela? Quen actúa correctamente e quen non?”.

Un mínimo de organización

Ao mesmo tempo, sinalan que todo este volume de traballo asumido polo persoal do Rexistro non queda só nunha simple carga de traballo “senón que ademais teñen que tratar de calmar á cidadanía que, en non poucas ocasións, sente que están a desprezala e esíxelle responsabilidades ao persoal traballador e non aos verdadeiros/as responsábeis, as xefaturas que non asumen o feito de concretar como se deben de xestionar estas situacións e marcar inequívocos protocolos de actuación, como por exemplo a cantidade de documentos que pode presentar unha persoa”.

Por esta razón, e ante a situación rexistrada esta semana no edificio administrativo e na súa contorna, “solicitámoslles ás administracións que teñan un mínimo de sensibilidade coas persoas administradas que perden o seu tempo en ringleiras que son anacrónicas nunha administración do século XXI que presume de moderna e eficaz”.

Mais tamén lle reclaman á Xunta que respecte o traballo do seu persoal e garanta un mínimo de organización “sen caer sempre na improvisación coa tranquilidade de contar cun persoal tan competente e profesional que ten que sacarlle as castañas do lume á habitual incompetente xestión política”.

Volver