Denuncian desmantelamento da piscina mancomunada do Val Miñor para favorecer a unha empresa privada

A CIG-Servizos advirte que o abandono da instalación pública suporá despedimentos
Nigrán - 15 Set 2017

O responsábel de negociación colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a traballadoras e delegadas de persoal da piscina mancomunada do Val Miñor, situada na parroquia nigranesa da Ramallosa, para denunciar que nos últimos meses estase a producir un desmantelamento progresivo da instalación pública ao tempo que se favorece un complexo deportivo privado. Dende a central advirten que o abandono no que se atopa a piscina da Mancomunidade vai supoñer o despedimento de boa parte do seu cadro de persoal, integrado por 38 empregados/as.

Segundo explicaron na comparecencia, o inicio dos problemas na piscina xestionada por Serviocio coinciden no tempo coa adquisición por parte desta empresa das instalacións do antigo Club de Tenis Monterreal de Baiona, onde decide ubicar o complexo deportivo BeOne. Curiosamente, o actual director de BeOne, Ignacio Patiño, exerceu até hai 15 días como director da piscina do Val Miñor, cargo que ocupou durante 11 anos “e que usou para relanzar o seu negocio privado en detrimento da instalación pública”.

De feito, tal e como denuncian as propias traballadoras, a piscina do Val Miñor non ofertou este ano os tradicionais campamentos de verán, que pasaron a impartirse en BeOne. “Iso si, as labores de xestión e información fixémolas as empregadas da piscina”. Ademais de actividades, o complexo privado está a recibir dotacións que proveñen das instalacións públicas, como é caso da pista americana, “que están a retirar para levala para BeOne”.

Segundo os cálculos das afectadas, máis de 150 persoas quedaron este ano sen os cursos que se impartían na piscina. “Incluso limitaron a promoción de cursos e actividades a través das redes sociais, e non ofreceron ofertas de inicio de tempada, como fan o resto de instalacións deste tipo”. Outra das irregularidades que se están a producir ten que ver coa praza de socorrista, que segundo o Real Decreto 103/2005 ten que existir en todas as piscinas. “E debe de ocupala unha persoa con titulación e con dedicación exclusiva a esa función, e non a tempo parcial como pretenden que sexa a partir de outubro, polo que imos denunciar o tema diante da dirección xeral de Saúde Pública”.

Unha instalación rendíbel

Todo isto sucede a pesar de que a instalación mancomunada é perfectamente rendíbel, xa que conta con 7000 socios/as e con arredor dun milleiro de usuarios/as diarios. “No mes de abril trasladámoslle ao presidente da Mancomunidade e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, o que estaba a acontecer, e para a nosa sorpresa comprobamos que cada comunicación que lle facemos chegar pona inmediatamente en coñecemento da empresa”, indican. Tamén lle solicitaron manter unha xuntanza até en dúas ocasións, sen que o responsábel do ente supramunicipal teña contestado a petición. “A maiores, en xuño trasladámoslle outro escrito no que denunciabamos que BeOne utiliza empregados/as de Serviocio para facer traballos privados”.

Dende a CIG-Servizos alertan de que como consecuencia desta xestión a piscina atópase nunha situación moi complicada que vai provocar despedimentos e reducións de xornada entre o persoal. Con todo, queren deixar claro que “non imos deixar que a Mancomunidade permita que se peche unha instalación pública e que os seus traballadores/as se atopen en situación precaria para favorecer a unha empresa privada”. Diante disto, fanlle un chamamento aos membros da entidade supramunicipal (entre eles, aos alcaldes de Nigrán, Juan González, e Gondomar, Paco Ferreira) para que tomen cartas no asunto co fin de solucionar esta situación.

Finalmente lembran que a concesión da xestión da piscina mancomunada leva prorrogada dende 2015, sen que polo de agora sequere se teñan aprobado as bases do novo concurso de adxudicación. “A única formación que presentou alegacións ao proceso foi o BNG, que solicita que se fixe un canon do 1% ou de 10.000 euros ao ano -ademais de reclamar melloras nas instalacións por parte da concesionaria- xa que na anterior adxudicación o canon que se establecera fora de seis euros anuais”.