Denuncian o mal estado e a falta de persoal na oficina de turismo de Ourense

A CIG-Administración reclama o cese das persoas responsábeis da Axencia de Turismo de Galiza
Ourense - 27 Xun 2019

O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar publicamente os graves problemas de acondicionamento que presenta a oficina de turismo de Ourense, ao que hai que sumar a falta de persoal porque non se cobren os postos vacantes nin se contratan traballadores/as de reforzo para o verán. Dende a central reclaman que se solucionen estas deficiencias e se cese aos responsábeis da Axencia de Turismo de Galiza, da que dependen estas oficinas.

Pintadas, humidades, fiestras rotas e deterioradas ou accesos de madeira podres son algúns dos problemas que presenta unha instalación situada na Casa Legoeiro, a carón da Ponte Romana, pola que a diario pasan centos de peregrinos/as e visitantes para solicitar información. E iso que debido á promoción exterior do Ano Santo do 2021 a Xunta prevé unha maior concorrencia de usuarios/as nas oficinas de turismo dependentes da Axencia de Turismo de Galiza.

Polo que dende a CIG non entenden como se pode ter esta instalación nunhas condicións “que dan unha pésima imaxe da nosa cidade e do Camiño de Santiago”. Ademais, a esta problemática hai que sumarlle a falta de persoal por non cubrir os postos vacantes e pola negativa a contratar persoal de reforzo nas vacacións. “Todo isto a consecuencia da pésima xestión da dirección da Axencia de Turismo”, sinalan dende a central.

Diante disto, esíxenlle á Xunta que proceda ao cesamento inmediato das persoas responsábeis da Axencia de Turismo de Galiza e que proceda a solucionar todos os problemas existentes na oficina de turismo en Ourense.