Denuncian os reiterados incumprimentos de Subus e a pasividade das administracións

A concesionaria do transporte en autobús das comarcas do Baixo Miño e Val Miñor acumula problemas laborais, atrasos salariais e falta de persoal
Baixo Miño/Val Miñor - 02 Nov 2026

A representación legal das persoas traballadoras (RLT) de SUBUS Grupo de Transporte, con maioría da CIG, denuncia os reiterados incumprimentos da empresa concesionaria do servizo de transporte en autobús das comarcas do Baixo Miño e Val Miñor e a pasividade das administracións ante unha situación que consideran insostíbel.

Malia as numerosas comunicacións, denuncias e reclamacións presentadas ante a compañía e as administracións competentes, “os problemas persisten e non se adoptan as medidas necesarias para corrixilos; e non se trata de feitos illados, senón dunha acumulación de incumprimentos laborais, deficiencias organizativas e problemas na prestación dos servizos que afectan tanto e persoas traballadoras como a usuarias do transporte público”. 

Os problemas persisten e non se adoptan medidas para corrixilos; e non se trata de feitos illados, senón dunha acumulación de incumprimentos laborais, deficiencias organizativas e problemas na prestación dos servizos

A Inspección de Traballo xa abriu dous expedientes sancionadores relacionados coa redución dos descansos entre xornadas. Ademais, o persoa está á espera doutras resolucións relativas a denuncias presentadas hai aproximadamente un ano, mentres continúan producíndose situacións que obrigan a presentar novas reclamacións.

Ao que hai que engadir o problema dos atrasos salariais derivados das subas aprobadas no novo convenio colectivo, xa que a empresa abonou atrasos correspondentes a 2025 e a parte de 2026 a determinadas persoas traballadoras, mentres que outras seguen sen percibir cantidade ningunha por estes conceptos.

Ademais, a empresa non remitiu a correspondente nómina explicativa que permita comprobar os períodos liquidados e os conceptos incluídos. Ante peticións da RLT, Subus remitiu nóminas de todo o persoal no canto de facilitar a cada persoa a documentación que lle corresponde. No caso de acompañantes do transporte escolar, a día de hoxe seguen sen recibir a nómina de setembro e teñen tamén pendentes os atrasos correspondentes ao ano anterior.

Esta falta de transparencia non se limita a cuestións salariais, xa que a representación do persoal tamén atopa dificultades para acceder a información necesaria para exercer as súas funcións. “Non é admisíbel ter que insistir reiteradamente para obter información á que temos dereito, nin que os nosos requirimentos queden sen respostas claras e documentadas”.

Avarías, autobuses escasos e limpeza deficiente

A situación da frota é outro dos motivos de preocupación do cadro de persoal. As avarías son recorrentes e, ao non dispoñer a empresa dun taller propio, os vehículos deben acudir a talleres externos, reducindo durante ese tempo a dispoñibilidade dunha frota que xa resulta insuficiente en determinadas circunstancias.

A falta de autobuses de reserva provoca dificultades para cubrir todos os servizos e pode ocasionar atrasos ou interrupcións. Esta situación vese agravada por unha dotación de persoal moi axustada e pola ausencia habitual de persoas traballadoras de garda ou retén que poidan cubrir inmediatamente unha incidencia, como un accidente ou a indisposición dun condutor/a. Todo isto repercute directamente nas persoas viaxeiras, que sofren as consecuencias dunha organización sen marxe suficiente para responder ás incidencias.

Ao mesmo tempo, a limpeza interior dos vehículos é insuficiente e, en ocasións, limítase a que o propio condutor/a pase unha vasoira. “non se está a realizar unha limpeza e hixienización profunda e adecuada dos autobuses; algúns eles levan máis de catro anos prestando servizo sen que, segundo nos consta, se realizase unha hixienización integral desde a súa incorporación”. 

As administracións deben exercer un control efectivo sobre o cumprimento das condicións da concesión e investigar os feitos denunciados

Neste senso, inciden en que non se pode falar dun transporte público de calidade se non se garanten unhas condicións mínimas de limpeza e hixiene para persoas usuarias e para as propias traballadoras. “Esiximos que se comprobe esta situación e que se establezan protocolos efectivos de limpeza, desinfección e mantemento dos vehículos”.

A escaseza de persoal dificulta a cobertura das incidencias e repercute tamén na planificación dos servizos e na conciliación da vida laboral e persoal. Até o punto de que o novo xefe de servizo ten que asumir tamén tarefas de condución por falta de persoal, o que limita o tempo que pode dedicarlle á planificación e á mellora dos servizos. “A boa vontade individual non pode substituír os recursos necesarios para unha organización eficaz”.

Outros conflitos abertos

A empresa ten abertos ademais outros conflitos, como a situación dun traballador apartado do seu posto, que a RLT considera inxustificada. A dirección manifestara nunha reunión do comité de empresa que sería readmitido, pero ese compromiso segue sen materializarse.

“Xa realizamos folgas e manifestacións, pero o desgaste económico e persoal obrigounos a abandonar esa vía de presión. O que non significa que os problemas estean resoltos nin que renunciemos a defender os nosos dereitos. Seguimos acudindo á Inspección de Traballo, presentando novas denuncias e recorrendo ás vías xudiciais cando procede”.

Ademais, trasladáronlle unha denuncia á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta para que se investiguen posíbeis discrepancias entre os servizos de reforzo programados, os efectivamente realizados e os rexistrados nos sistemas de explotación da empresa. “As administracións deben exercer un control efectivo sobre o cumprimento das condicións da concesión e investigar os feitos denunciados, en lugar de permitir que os problemas se prolonguen sen solución”.

Xa que entenden que unha empresa que presta un servizo público ten que cumprir as súas obrigas laborais, técnicas e operativas. “Os incumprimentos graves ou reiterados que queden acreditados deben ter as consecuencias que correspondan conforme á normativa aplicábel, tamén á hora de valorar futuras adxudicacións ou renovacións de concesións públicas”.

Principais reivindicacións do persoal

-Regularización inmediata dos atrasos salariais pendentes e a entrega individualizada das nóminas explicativas correspondentes.

-Entrega das nóminas pendentes, incluídas as das acompañantes escolares que aínda non recibiron a de setembro.

-Cumprimento da normativa laboral, o respecto aos descansos entre xornadas e a resolución dos conflitos laborais pendentes.

-Mellora do mantemento da frota, a dispoñibilidade de autobuses de reserva e a implantación de protocolos efectivos de limpeza e hixiene.

-Dotación de persoal suficiente para cubrir incidencias e garantir a prestación dos servizos programados.

-Resolución das actuacións pendentes da Inspección de Traballo e a investigación das novas denuncias.

-Intervención efectiva da Xunta e das demais administracións competentes para comprobar o cumprimento das condicións da concesión e adoptar as medidas legalmente procedentes.