• Nova

Denuncian os servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta na folga de residencias privadas

Traballadoras do sector percorreron as rúas de Compostela en demanda dun convenio digno
Nacional - 16 Mar 2022

Traballadoras das residencias privadas percorreron esta mañá as rúas de Compostela en demanda dun convenio digno. A manifestación partiu de San Caetano, onde lanzaron unha chuvia de cueiros contra o edificio administrativo da Xunta de Galiza, para denunciar a súa responsabilidade na situación laboral especialmente precaria que padecen as traballadoras de coidados que desenvolven a súa actividade nestes centros.

No decurso da marcha, que rematou ás portas mesmo do Parlamento de Galiza,  corearon consignas como “Non somos escravas, somos traballadoras”, “Menos discursos, menos tonterías, máis residencias e centros de día”, “Traballos de coidados, ben remunerados” ou “Fabiola, escoita! O convenio non se compra”.

Ao inicio da mobilización, a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández explicou que a situación está, neste intre, exactamente igual que o mes pasado, cun condicionante, está previsto o inicio da folga convocada no sector para mañá xoves, día 17, a partir das 22:00 horas, para rexeitar a vulneración dos acordos económicos e sociais acadados no IV convenio colectivo do sector de residencias en Galiza, e a Xunta publicou esta mañá uns servizos mínimos abusivos, do 100%, que obrigarán a todo o cadro de persoal a ir traballar.

Por iso Fernández cualificou esta decisión como “un escándalo” e lembrou que nunha recente reunión coa consellaría “dixémoslle que non entendiamos como unha administración vulnera o dereito á folga e advertimos das consecuencias que tería para o sector, porque nin por parte da patronal, nin por parte da consellaría se puxeron en contacto con nós para promover unha mediación ou para intentar resolver este conflito, que vén de hai dous anos, por non ter os incrementos salariais ao día, que lle corresponde o 6,5% deste anos, e aínda por riba sen ter o convenio colectivo tamén negociado”.

Traballo precario nun sector esencial

Isto crea unha situación moi precarizada nas traballadoras dun sector que, como lembrou a secretaria nacional de CIG-Servizos, foi considerado esencial durante a pandemia. Unha situación precaria, non só no plano laboral porque, como ben apuntou Transi Fernández, “a Xunta sabe ben o estado no que están as residencias privadas”.

Por iso acusou ao goberno galego de consentir que certas empresas concursen e denunciou que “non se lembran cando tiveron que ser intervidas pola propia administración e poñer persoal do SERGAS para poder traballar coas persoas maiores e poder tirar para adiante na pandemia”.

Fernández incidiu nas importantes diferenzas que hai entre as condicións laborais dunha traballadora de residencias privadas e unha traballadora que está nunha residencia pública e insistiu en que a principal demanda do persoal é que se actualicen os salarios, se negocie o convenio colectivo e consigan dignificar as condicións do persoal do sector.

Denunciou que a patronal a esta altura non ofreceu absolutamente nada desde que está convocada a folga, “nin se reuniu con nós, está mirando para outro lado” e considerou que a súa actitude responde a que “xa sabían que nos porían uns servizos mínimos abusivos” que, en todo caso, anunciou que serán impugnados.

Ao remate da manifestación tiñan concertada unha entrevista coa deputada do BNG, Olalla Rodil, “que foi dos partidos que se puxo en contacto con nós para preocuparse da situación e imos aproveitar que, xa que nos concede esa reunión a situación na que estamos neste momento para que se nos escoite tamén no parlamento galego”, concluíu Fernández.