• Nova

Denuncian que a empresa IKF da Guarda está a deslocalizar funcións e vén de despedir catro técnicos/as

En consecuencia, o persoal que continúa vese obrigado a facer xornadas de até 12 horas diarias
A Guarda - 29 Xun 2022

A CIG-Construción de Vigo denuncia que a empresa IKF da Guarda está a deslocalizar funcións a outras zonas do Estado español e de Europa e vén de despedir catro técnicos/as, o que obriga o persoal que permanece na compañía a facer xornadas de até 12 horas diarias. Os afectados reclamarán xudicialmente a nulidade das rescisións de contrato, mentres que dende a central sindical non descartan promover a convocatoria de protestas.

A dirección de IKF argumenta causas organizativas e de produción para xustificar os despedimentos obxectivos, todos eles entre o persoal técnico de distintos departamentos, pero a CIG denunciará diante da Inspección de Traballo as “xornadas abusivas” de até 12 horas diarias que padece o persoal técnico que continúa na empresa como consecuencia da marcha destes operarios. 

As persoas afectadas xa denunciaron no xulgado para reclamar a nulidade dos despidos e non se descartan mobilizacións

Dende a central sindical sosteñen que se trata dun proceso de deslocalización de funcións cara a outras zonas do Estado español e de Europa que está a levar a cabo a transnacional francesa Imerys Kiln Furniture (IKF). De feito, hai poucos anos na empresa había até 20 técnicos/as, quedando apenas sete na actualidade tras os despidos executados nas últimas semanas.

Ademais critican que a compañía opte por despidos obxectivos para aforrar nas indemnizacións, mentres que noutras empresas do grupo situadas en distintos países europeos os afectados/as por despidos foron compensados con cantidades moi por enriba do que establecen as respectivas lexislacións laborais.

Xulio Vicente, da CIG-Construción de Vigo, critica que IKF non ofrecese sequera a posibilidade de recolocar os traballadores noutros postos, cando se trata de empregados con entre 15 e 30 anos de antigüidade na compañía. Os afectados xa presentaron denuncia no xulgado para reclamar a nulidade dos despidos e a empresa non se presentou ao acto de conciliación no SMAC, mentres que dende a central sindical non desbotan promover a convocatoria de mobilizacións por parte do comité (4 delegados/as da CIG e 1 de CCOO).