Denuncian que a empresa ourensá Textil Lonia incumpre os acordos que regulan o actual ERTE

Atrasa o pago do complemento salarial e despediu unha ducia de persoas nas últimas semanas

Ourense -

A Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia que a compañía ourensá Sociedad Textil Lonia SA está a incumprir os acordos que regulan o actual ERTE, atrasando o pago do complemento salarial e ignorando a comisión de seguimento. Ademais, dende a central sinalan que a empresa executou até unha ducia de despedimentos nas últimas semanas.

A dirección de Textil Lonia e a totalidade do comité de empresa chegaron a un acordo o pasado 27 de xullo para a aplicación dun ERTE por causas económicas que entrou en vigor o 1 de agosto e que rematará o 28 de febreiro de 2021. Este novo ERTE dálle continuidade ao que se estendeu desde o 1 de abril ao 31 de xullo, neste caso por causas produtivas e organizativas en fábrica, e por causas de forza maior en tendas. 

A empresa está a ignorar a comisión de seguimento do ERTE

Dende a CIG lembran que a negociación do acordo foi intensa, e prolongouse durante os 15 días que establece o período de consultas segundo o RD 483/2012 (o ERTE sométese á lexislación ordinaria, non á excepcional da covid). “Foi un proceso negociador de boa fe polas partes e con acordo unánime, creándose unha comisión de seguimento para verificar puntualmente o cumprimento dos acordos e a interpretación dos mesmos”.

Porén, xa no primeiro mes do ERTE a empresa STL ten incorrido en diversos incumprimentos, comezando por atrasar o pagamento do complemento salarial pactado para as persoas afectadas, e ignorando a comisión de seguimento, “que ten coñecemento das decisións empresariais de calado unha vez xa executadas”. Ademais, dende a CIG denuncian o goteo de despedimentos que STL está a notificar en pleno ERTE, levando contabilizados até doce nas dúas últimas semanas.

Mediación do AGA

“Hai que recordar que a política de persoal de STL carece do mínimo rigor, acudindo ao despedimento disciplinario como práctica habitual. Tanto é así, que nos últimos tres anos, segundo as nosas estimacións, gastou máis de 5 millóns de euros en indemnizacións por despedimento. Consideramos absolutamente deplorable que se produzan despidos en plena vixencia do ERTE, e esiximos de STL respecto polos acordos asinados”.

Por iso a central anuncia que promoverá a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, mediante o procedemento de resolución extraxudicial de conflitos colectivos (AGA), co obxectivo de rematar con estes incumprimentos.

Volver