Denuncian que a falta de medios impide o funcionamento eficaz da Inspección de Traballo

As organizacións sindicais anuncian unha “fase de conflito” ante o “desprezo” do Goberno español a este servizo
Nacional - 13 Dec 2021

As organizacións sindicais con representación no organismo estatal da Inspección de Traballo e Seguridade Social, entre elas a CIG, denuncian que a falta de medios chegaron a un punto “que poden poñer en cuestión tanto os obxectivos como o propio servizo público que debe garantirse dende a devandita institución”.

En consecuencia, anuncian o inicio dunha “fase de conflito” diante do “absoluto desprezo” do Goberno español cara a un servizo que se atopa nunha “situación caótica” a pesar das permanentes mensaxes “en clave de propaganda oca” que só serven para aumentar a “desmotivación existente” entre un cadro de persoal sometido a unha carga de traballo que mesmo pon en risco o funcionamento do organismo. 

Cada día que pasa a relación entre carga de traballo e persoal empeora

Diante disto, consideran que de pouco sirve que se establezan plans estratéxicos e se intensifiquen as tarefas de inspección do mercado laboral, que se cren oficinas contra a fraude ou contra a desigualdade, que se mencionen unha e outra vez as novas tecnoloxías, o big data ou a intelixencia artificial, que se fale dunha sensible mellora orzamentaria, que se encha o BOE de medidas, reais decretos ou outras normas e que se lancen discursos en defensa da institución e se afirme que se está a construír a Inspección de Traballo e Seguridade Social do século XXI, “porque cada día que pasa a relación entre carga de traballo e persoal empeora, até o punto de que vai resultar imposíbel seguir suxeitando unha xestión e uns obxectivos que para este goberno semella máis importante anuncialos que realizalos”.

Porque o organismo “naufraga” no que a organización se refire: “Levan seis anos esperando dende a publicación da Lei ordenadora do Sistema da Inspección de Traballo e Seguridade Social; e a día de hoxe as referencias a oficinas e resto de unidades especializadas non deixa de ser unha afirmación, en boa medida, baleira de contido”.

A suposta “modernidade e axilidade” futura soportada na informática, nas comunicacións e na xestión do coñecemento “soa a conto” cando nestes momentos carécese da máis mínima infraestrutura ou dun simple departamento de informática, “ou cando un mero ataque informático compromete o modelo de traballo e deixa secuelas máis de seis meses despois”.

Improvisación e falta de criterio

Así mesmo, lamentan que o orzamento do organismo “é unha quimera” desde que o ten. “Só coñecemos tres edicións, e até o de agora foron a improvisación e a falta de criterio razoable os dous factores que dominaron a súa confección”.

Polo que foi o sobreesforzo do persoal o que permitiu responder ás necesidades dun mercado laboral cada días máis complexo, máis voluminoso e máis desequilibrado na súa configuración. “Pero é unha irresponsabilidade que a dirección do Ministerio se instale neste tipo de mensaxes e non sexa capaz de defender as solucións necesarias para esta institución ante os outros ministerios que tamén teñen responsabilidades”.

Lembran ademais que o pasado mes de xullo alcanzouse un acordo, coa participación de toda a representación sindical e profesional da ITSS, capaz de dar resposta a todas as carencias descritas. “Foise paciente en extremo, pero non deixa de ser un despropósito que seis meses despois pretendan explicar que todo se atopa en fase de estudo”.

Por iso anuncian a entrada nunha “fase de conflito” que é imposible evitar ante o “absoluto desprezo” que demostra este Goberno cara á Inspección de Traballo “a pesar das permanentes mensaxes en clave de propaganda oca que só serven para aumentar a desmotivación existente”.