Denuncian que a patronal da lousa ourensá paraliza a actividade utilizando as vacacións do persoal

A CIG informou desta “medida fraudulenta” á Inspección de Traballo

Ourense -

A Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia que a patronal do sector da lousa paralizou a actividade “por cando menos 15 días” obrigando os traballadores/as a “correr cos gastos” xa que se fai en base ás súas vacacións. A central xa informou desta “medida fraudulenta” á Inspección de Traballo para que tome “as medidas oportunas”.

Dende a CIG-Ourense lembran que levan días alertando da irresponsabilidade da patronal da lousa ante a gravísima crise sanitaria, “transportando o persoal amoreado en vehículos todo terreo”. 

A CIG-Ourense leva días a alertando da irresponsabilidade do empresariado e da colaboración "case prevaricadora" da Garda Civil e avisando das "nulas e ineficaces" medidas de prevención no sector

Advertiron tamén da necesaria colaboración, “case prevaricadora”, da Garda Civil e avisaron das “nulas e ineficaces” medidas de prevención e seguridade, con empresas que mesmo ordenaban lavar as luvas de protección antiviral con xabón para reutilizalas ao día seguinte. “Só despois disto o empresariado do sector decidiu reunirse e tomar decisións”.

Mais o acordo que adoptaron contempla a paralización da actividade durante, en principio, os próximos 15 días, obrigando os traballadores/as das naves e das canteiras a correr cos gastos, xa que se fai en base ás súas vacacións.

Por iso dende a CIG critican que unha das patronais que historicamente máis fortuna ten acumulado na provincia de Ourense pague a factura da emerxencia sanitaria e do estado de alerta a conta do seu persoal.

“E aínda teñen a pouca vergoña de sacar unha nota pública agradecéndolles aos seus empregados/as ese xesto de apandar en solitario coa medida que só a patronal tomou, xusto no momento no que lle resultaba imposible manter a actividade produtiva desa forma absolutamente irresponsable”.

Neste senso, consideran chama tivo que tantas empresas, que dan emprego directo a case 2500 persoas, poidan chegar, en tan só 24 horas, a acordos exprés. “E xusto no mesmo día no que a ministra de Traballo recordaba publicamente que de maneira algunha se podía xustificar a paralización da actividade produtiva en base a vacacións”.

Patronal "déspota e cavernícola"

Segundo sinalan, isto demostra que “seguimos a ter a mesma patronal louseira déspota e cavernícola que hai décadas; a mesma patronal (nalgúns casos coas mesmas persoas á fronte) que negaba taxativamente a posibilidade de que os seus traballadores/as enfermaran de silicose, esa enfermidade que xa afecta a centos de valdeorreses/as, superando exponencialmente os afectados/as en sectores da minería do carbón de León e Asturies”.

Ao mesmo tempo, salientan que no caso de empresas como IROSA, negociouse co comité para buscar unha solución.

Finalmente, indican que xa informaron a autoridade laboral da “práctica fraudulenta” de paralizar a actividade en base ás vacacións do persoal para que adopte as medidas pertinentes, ao tempo que animan os traballadores/as a que se poñan en contacto co sindicato para informarse das posíbeis accións legais que poidan tomar en defensa dos seus dereitos.

Volver