Denuncian a eliminación das contas de correo electrónico do persoal da Fundación Biomédica Galicia Sur

O comité de empresa sostén que se trata dun ataque da Xerencia da EOXI de Vigo ao labor investigador
Vigo - 17 Xan 2019

O comité de empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur vén de denunciar publicamente a decisión unilateral da Xerencia da EOXI de Vigo de eliminar todas as contas de correo electrónico do persoal, coa xustificación de que acatan normas da Consellería de Sanidade. As traballadoras/es afectadas/es celebrarán unha asemblea este venres 18 ás 12:00 horas na aula 5 do hospital Álvaro Cunqueiro.

Segundo explican dende a representación do persoal, tras coñecer a decisión contactaron con compañeiras/os das Fundacións de Santiago e da Coruña “para corroborar se tiñan noticias de movementos neste sentido”. A resposta foi clara: en ningunha das dúas Fundacións se tomaron medidas similares á adoptada en Vigo. “Indo un paso máis alá, sabemos que en Pontevedra e Ourense tampouco se fixo nada disto, algo aínda máis incongruente xa que a Fundación Biomédica Galicia Sur xestiona a investigación das EOXI de Vigo, Ourense e Pontevedra”, critican. 

O sucedido responde a unha decisión persoal do xerente coa complicidade dos máximos responsábeis sanitarios

Sosteñen que o sucedido responde a unha decisión da Xerencia da EOXI de Vigo, en particular do seu responsábel, Félix Rubial Bernárdez, e supón un agravio comparativo co resto das Fundacións que xestionan investigación no noso país, que non se atopan con esta problemática.

“Sabemos que isto é só a punta do iceberg e que o actual xerente seguirá con outras medidas que afectan o persoal contratado dende a Fundación e que repercuten directamente no traballo que desenvolvemos. Sen entrar a valorar cal é o fin real que ten esta decisión e da visión que esta Xerencia ten ao respecto da investigación”.

Complicidade da Xunta

Tal e como indican, a argumentación que esgrime Ruibal para retirar esta ferramenta de traballo é que “non somos persoal estatutario pertencente ao Sergas, explicación que carece de todo sentido xa que esta ferramenta indispensable no noso traballo tamén é utilizada por outros profesionais externos ao Sergas sen que se lles teña ameazado coa súa retirada”.

Por todo isto, entenden que a decisión é ataque en toda regra a un labor investigador “que pon en valor ao Sergas como institución pública e que repercute directamente na mellora da labor asistencial, independentemente do que a nós nos afecta como profesionais”.

Finalmente, sosteñen que este xeito de proceder amosa “a nula aposta do xerente da EOXI pola investigación pública”, e critican a complicidade do conselleiro de Sanidade e do xerente do Sergas “por non ter dado a mínima resposta ante esta situación”.