A Xunta aproveita o confinamento para executar unha obra á que se opón a veciñanza de Ourense

A CIG esixe a paralización dos traballos na estación do Empalme
Ourense - 15 Abr 2020

Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia que a Xunta está a aproveitar o confinamento social para executar a “aberración” da obra da estación de tren do Empalme, un proxecto “que conta co rexeitamento do conxunto da sociedade ourensá”. Diante disto, esixen a paralización inmediata dos traballos e a construción dunha “intermodal digna”.

Dende a central explican que as obras nas inmediacións da estación do Empalme volveron comezar esta semana, xa que a Xunta “está a aproveitar o confinamento da poboación para levar a cabo os traballo sen que poida exercerse a mobilización veciñal”. 

Reclámanlle ao Goberno galego que faga caso dos colectivos e dos expertos/as, como o Colexio de Arquitectura

Critican que o Goberno galego aproveite “vilmente” esta circunstancia para avanzar nunha obra “socialmente repudiada” até que se chegue á situación de irreversibilidade. “Parécenos unha irresponsabilidade manifesta, xa que ademais de antepoñer a economía á saúde das persoas desprezan a toda a cidadanía ourensá, que se manifestou amplamente en contra do proxecto e en defensa dunha intermodal digna”.

Diante disto, esixen a paralización inmediata das obras, “primeiro por defensa da saúde das persoas traballadoras, e segundo por non chegar a unha situación de non retorno, que imposibilite un proxecto alternativo”.

Finalmente, reiteran o seu apoio á Plataforma Cidadá que loita por unha infraestrutura digna para Ourense, “e animámolos a seguir nesa posición, ao tempo que lle esiximos á Xunta que escoite o clamor social e faga caso dos colectivos e dos expertos/as, como o Colexio de Arquitectura, e aposte decididamente por un proxecto tan vital para a nosa provincia como o desta infraestrutura”.