Denuncian que a Xunta de Galiza non aplica a Lei de Transparencia ás asistencias técnicas
Anxo Anta, presidente da Xunta de Persoal asegura que tampouco se atopa información sobre o número de contratacións en fraude de lei, nin a apertura de expedientes para depurar responsabilidades polos custos económicos orixinados. A este respecto salienta sobre todo as consellaría de Medio rural, do Mar, de Medio Ambiente e urbanismo ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza. Esta última, matiza “onde as e os empregados públicos son a excepción”.
A Xunta de Persoal sinala que estes datos non aparecen malia ter solicitado reiteradamente aos distintos departamentos da Xunta a información. Unha demanda que mesmo foi levada á Valedora do Pobo e máis ao parlamento xunto coa denuncia do silencio ante esta petición de datos. “Entendemos insuficiente o que ofrece a plataforma de contratación xa que non outorga os datos separados exixíbeis en material laboral e de representación”, afirma Antas.
Entre os datos que consideran que sería necesario incluír estarían: nome e razón social, domicilio e número de identificación fiscal da empresa contratista ou subcontratista; obxecto e duración da contrata; lugar de execución da contrata; no seu caso, número de traballadores/as que serán ocupados pola contrata ou subcontrata no centro de traballo da empresa principal e medidas previstas para a coordinación de actividades desde o punto de vista da prevención de riscos laborais.
“Por suposto tampouco nos teñen facilitada a memoria xustificativa da necesidade da subcontratación e da imposibilidade da asunción dos traballos polo persoal propio da administración autonómica, nin listaxe das sentenzas de indefinición acaídas e a súa situación actual, así como a listaxe das persoas ás que se lles exixiron responsabilidades legais polos diferentes quebrantos causados á facenda pública a raíz destas subcontratacións en fraude de lei”, denuncia Antas.
Diante desta situación a Xunta de Persoal considera que a transparencia é “nula”, que continúa a privatización dos servizos públicos e a desviación de traballo propio do funcionariado cara a empresas privadas que redundan nunha redución das prazas públicas nas ofertas de emprego, nos concursos ou nas promocións internas.
Por iso reiteran a súa demanda de información e agardan non ter que recorrer novamente a preguntas parlamentarias, peticións extraordinarias vía Valedor do pobo ou mesmo á vía xurisdicional.