Denuncian que a Xunta pretende culpabilizar o persoal público dos atrasos na tramitación da dependencia

O sector de Autonómica da CIG-Administración reclama a dotación de máis persoas traballadoras no canto de “gratificar a axilización” do tempo de espera
Nacional - 05 Feb 2025

A CIG-Autonómica denuncia que a Xunta pretenda culpabilizar o persoal público dos atrasos no proceso de tramitación e concesión de prestacións da dependencia e da discapacidade, que teñen unha duración superior a un ano. Neste senso, reclama a dotación de máis persoas traballadoras para o servizo no canto de “gratificar a axilización” do tempo de espera.

Na central sindical lembran que levan moito tempo insistindo na creación de novos equipos e na dotación de prazas para que a cidadanía poda acceder nun prazo razoábel aos servizos que se prestan. “Mais a Xunta non só se inhibe, senón que tenta poñer na diana ao seu propio persoal cunha novidade: achaca o problema á neglixencia das persoas empregadas públicas e non á súa desidia”. E faino anunciando que as vai gratificar por “axilizar” o tempo de espera, “como se o problema fose que as esperas de máis dun ano derivasen da indolencia do persoal”. 

Cos 90 millóns orzamentados poderían crearse até 200 postos de estrutura, “que é a única posibilidade real de reducir os tempos de agarda para o recoñecemento das prestacións"

Neste senso, sosteñen que o persoal está sobrecargado de traballo e que a solución non é dar “gratificacións”. A solución é dotar de persoal aos servizos de dependencia e discapacidade e darlle participación activa na configuración dos procedementos de concesión e recoñecemento, “por ser precisamente o mellor coñecedor dos problemas e posíbeis solucións, dignificar o seu traballo e recoñecer a súa profesionalidade”.

Porén, crean postos directivos, postos de libre designación, que non incidirán nos tempos de espera xa que non tramitarán un só expediente de dependencia. “A demanda de novos equipos conformados por persoal médico, psicólogo/a, traballador/a social e postos de administración con negociados e seccións nunca se concretou porque sempre se foi parcheando con equipos de reforzo cunha importante discriminación salarial a respecto do persoal de estrutura”.

Finalmente, aseguran que cos 90 millóns orzamentados poderían crearse até 200 postos de estrutura, “que é a única posibilidade real de reducir os tempos de agarda para o recoñecemento das prestacións da lei de dependencia”.