Denuncian que a Xunta se nega a medir os niveis de radón nos seus edificios “por aforrarse entre 80 e 230 euros”

Compostela é, segundo un estudo da USC, unha zona de alto risco

Compostela -

A sector da Autonómica da CIG-Administración de Compostela vén de denunciar que a Xunta desatende o risco de cancro por radón nos seus edificios por aforrarse entre 80 e 230 euros. Asegura que a Mutua se escusou  porque “non hai indicios de que haxa niveis altos” e lembra que os estudos da USC alerta de que Santiago é zona de alto risco e que un 9% dos cancros de pulmón son causados por radón.

Fulgencio Fernández, responsábel do sector da CIG-Autonómica en Compostela explica que un delegado de prevención da CIG levou dúas veces ao Comité de Prevención de Seguridade e Saúde Laboral dos Servizos Centrais, un informe científico completo, xunto cos custos de medición, co obxecto de que se mediran os niveis deste gas nas oficinas da Xunta de Galiza, onde hai bastantes oficinas en sotos e baixos.

Porén, denuncia, tanto a  Xunta como a mutua non fixeron nada. Asegura que a mutua se escusou argüíndo que “non hai indicios de que haxa niveis alto” e de que se relacione cos casos de cancro na Xunta e que, pola súa banda a Xunta, só dixo que “era moi caro”. A isto engade que na primeira reunión “chegaron a dicir que non había estudos científicos”.

Fronte a isto, a CIG remitiunos aos estudos da Universidade de Santiago de Compostela , nos que se recolle que a capital de Galiza é zona de alto risco e que un 9% dos cancros de pulmón están causados polo radón. Xunto a isto, achegou un cadro de tarifas de laboratorio oficial que demostra que o custo polas medicións oscila entre os 80 e os 230 euros e informou de que o propio Consello Galego de Relacións Laborais tivo que facer obras porque logo dunha medición os resultados deron índices de radón por riba do permitido.

O responsábel do sector da CIG-Autonómica de Compostela considera que a resposta da Xunta non é máis que unha desculpa sen argumentos e que se non se fai un estudo, nunca vai a haber datos cos que previr. “Cremos que é unha imprudencia e facemos un chamamento público para que rectifiquen”, afirma e engade que “a Xunta, como entidade pública debera dar exemplo” porque, aínda que non se vexa “as consecuencias veñen anos máis tarde”.

Volver