Denuncian que a Xunta continúa sen activar o servizo contra incendios en caso de emerxencia

A CIG vén de solicitar un informe sobre a coordinación co 112 durante os recentes temporais

Nacional -

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Xunta segue sen activar o Servizo Público contra Incendios Forestais (SPIF) en caso de emerxencia, como aconteceu recentemente cos temporais que provocaron centos de incidencias por todo o país. Dende a central reclaman un informe sobre a coordinación co 112 no que se aclare como se xestionan as intervencións do persoal deste servizo para atender as consecuencias de condicións climáticas adversas.

Na CIG-Autonómica lembran que coa entrada en vigor da Lei do sistema estatal de Protección Civil o 10 de xaneiro de 2016, o servizo público contra incendios forestais da Xunta SPIF) é a todos os efectos un servizo de emerxencias. “Pechábase así o círculo debuxado anos atrás polos 'visionarios' asinantes do V Convenio colectivo, que insistían na necesidade de recoñecer a categoría profesional de bombeiro/a forestal”. 

Dende a CIG lembran que o SPIF é a todos os efectos un servizo de emerxencias

Sinalan que aínda que no contexto legal xa figura esta condición -as vidas laborais do persoal do SPIF recollen esta inclusión dentro do ámbito da protección civil-, e a pesar de que se trata dun servizo de contrastada experiencia distribuído ao longo da xeografía do país con medios materiais e humanos para actuar e/ou minimizar calquera continxencia no medio natural e rural, “a Xunta decide non activar nin empregar este servizo cando as circunstancias o esixen”.

Segundo explican, o SPIF é un servizo público ao que apenas habería que reforzar no que ao material se refire para actuar en vendavais, nevaradas, inundacións, etc, servindo de apoio aos actuais efectivos, pero sen perder de vista o seu principal acometido que é a prevención e extinción de incendios.

Consideran que se está a desaproveitar o potencial co que conta o SPIF, xa que ademais a Consellaría do Medio Rural está a negarlle ao seu persoal “a obrigatoria formación perfectamente estruturada e recollida no Real decreto 624/2013 do 2 de agosto, e xa presentada pola CIG en sede parlamentar e nos órganos competentes, ademais de ser avalada polo ditame do comité de expertos/as”. Entenden que esta formación tería “uns custes irrisorios” xa que podería ser afrontada con medios propios e convertería o SPIF nunha ferramenta “de vital importancia” para o rural.

Verdadeiras chapuzas

Critican que esta mistura de obstinación e desatino convirte situacións previsíbeis e protocolarizábeis “en verdadeiras chapuzas”. Así aconteceu nestes pasados días de temporal, “xa que temos evidentes sospeitas de que non se activou oficialmente o SPIF; é dicir, non formou parte do operativo que coordina o 112 nestas circunstancias; si existiron algunhas actuacións esporádicas e voluntarias, pero mesmo temos constancia do caos que se xerou nalgúns distritos forestais ao descoñecer si tocaba ou non actuar neses momentos”.

Neste senso, inciden en que tanto o V Convenio Colectivo, que regula as condicións especiais do persoal laboral do servizo contra incendios da Xunta, como o artigo 17 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do sistema estatal de Protección Civil, sitúan o SPIF como servizo de emerxencias.

Segundo datos da propia AXEGA, o pasado venres 20 de decembro o 112 tiña contabilizadas máis de 1500 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa, “ aínda así non se mobilizou nin se activou de xeito oficial ao SPIF dentro dos dispositivos que coordina o 112. “Todo isto produciu que non se aliviara un pouco a saturación dos servizos de emerxencias si activados, así como que se rexistrasen situacións de descoordinación tales coma facer os mesmos percorridos que os bombeiros/as urbanos/as”.

Por isto isto, a CIG solicitoulles por escrito un informe detallado tanto á Dirección Xeral de Defensa do Monte coma ao propio conselleiro “para que aclaren como foi a coordinación co 112 e como se xestionan as intervencións do persoal do SPIF neste tipo de emerxencias, unha vez que o propio conselleiro recoñeceu nas redes sociais que si actuaron medios do SPIF”. Finalmente, consideran que o emprego dos medios do SPIF en situacións extremas como as vividas “é algo necesario, legalmente avalado e moralmente xustificábel”.

Volver