Denuncian que algunhas empresas dos buses de Santiago teñen persoal en ERTE mentres superan o aforo permitido

A FGAMT-CIG reclama o reforzo do servizo urbano e de cercanías, o que permitiría contratar condutores/as

Santiago -

Dende o inicio da chamada desescalada o transporte urbano e de cercanías de Santiago está a rexistrar un importante incremento no número de persoas usuarias chegando, en horas punta e nalgunhas liñas, a superar os aforos permitidos. Diante disto, dende a FGAMT-CIG solicitan que se reforce o servizo con máis vehículos e denuncia que mentres isto ocorre -co risco que supón para a saúde- hai algunhas empresas que manteñen a traballadores/as en ERTE.

Segundo puideron comprobar os delegados/as de prevención de riscos da CIG en Tralusa, a principal compañía concesionaria do transporte urbano santiagués, os aforos están mal calculados, o que na práctica supón incumprir as normas do Ministerio de Transporte e expoñer a saúde das persoas usuarias e do persoal das empresas.

No decreto indícase que só se poderá ocupar un de cada dous asentos, e que de pé poderán ir dúas persoas por cada metro cadrado. Estes criterios darían, no transporte urbano de Santiago, e en función dos diferentes modelos de autobús, unha ocupación máxima de 23 persoas nos vehículos de maior capacidade e de 13 nos máis pequenos.

Sen embargo, no concello de Santiago permítense até 30 persoas por vehículo, independentemente do modelo, “o que provoca que xa se vexan imaxes de autobuses que incumpren claramente as medidas de distancia social e de seguridade fronte á Covid19”, segundo sinala o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Compostela, Nacho Pavón. 

Hai autobuses nos que se incumpren claramente as medidas de distancia social e de seguridade fronte á Covid19

Mentres isto acontece, máis de 50 condutores/as están incluídos en ERTE nas diferentes empresas que teñen as concesións do transporte urbano e de cercanías na zona de Santiago, fundamentalmente en Tralusa, como xa denunciou o seu comité de empresa.

Igualmente piden que se aumenten as frecuencias de limpeza e desinfección dos autobuses, que na actualidade só se fai unha vez ao día, ao rematar a xornada, e na maioría dos casos sen que teña aumentado o persoal adicado a esta tarefa. “Carece de sentido que nas terrazas da hostalaría se teñan que limpar mesas e cadeiras logo de cada uso e que no transporte urbano, que utiliza moita máis xente, se faga unha soa vez cada 24 horas”, indica o presidente do comité de empresa de Tralusa, Javier Taboada.

Insultos e ameazas

Por outra banda, a FGAMT-CIG de Santiago denuncia que é o persoal de condución o que está a sufrir as consecuencias do enfado que esta situación xera en determinadas liñas. Segundo Taboada, “dende hai semanas moitos condutores/as teñen sufrido insultos e ameazas sen que as empresas adopten medida algunha; non corresponde ás funcións de condución controlar os aforos e a distancia social ou o correcto uso de máscaras”.

Diante disto, dende a central solicitan a intervención inmediata do Concello de Santiago e da Consellería de Mobilidade, propietarias das concesións, e anuncian que acudirán á Fiscalía porque con esta situación, que se agrava día a día, “estanse a poñer en risco de contaxio os cadros de persoal das empresas e as persoas usuarias destas liñas de transporte”.

Volver