Denuncian que co traslado da unidade de paliativos do Gil Casares ao Provincial perderanse camas e persoal

Consideran que se pretende “externalizar” doentes coa hospitalización a domicilio
Compostela - 19 Set 2019

A Comisión Especializada de Centro convocou esta mañá, diante do Hospital Gil Casares, unha concentración para denunciar que co traslado da unidade de paliativos para o Hospital Provincial perderanse camas e haberá unha afectación do persoal. Ademais as organizacións sindicais que conforman a comisión advertiron de que o que se pretende “é externalizar doentes coa hospitalización a domicilio” e denunciaron que mesmo falta o informe de avaliación de riscos da unidade no novo emprazamento no hospital de Conxo.

María Cortés Ayaso, Presidenta da Comisión de Centro de Especializada de Santiago, explicou que a Xerencia obviou dar información previa ás traballadoras e traballadores do servizo que se verán afectados, tal e como é preceptivo na normativa para os casos de mobilización do persoal como consecuencia da unificación ou restruturación de servizos/unidades no CHUS e asegurou que o están facendo agora, ofertándolles prazas, e non cando o tiñan que ter feito.

Cortés Ayaso explicou tamén que o ano pasado esta unidade de UME-Paliativos, xa sufriu unha restruturación para adaptala á normativa, na procura dunha atención de calidade e para centrala na/o doente, pasando as habitacións de dúas camas a unha. “Con esa restruturación, de 35 camas operativas pasouse a 20 e desapareceron 15, pero agora, coa nova restruturación, o servizo de paliativos do hospital de Conxo vai contar con 19, unha menos que no Gil Casares”.

A Presidente da Comisión de Centro Especializada de Santiago lembrou que antes o servizo de Medicina Interna contaba con 131 camas, das que 89 estaban habilitadas e 42 estaban inhabilitadas ou con inactividade estrutural e que a Xerencia di agora que Medicina Interna vai contar con 112 camas, “é dicir, o resultado de restarlle 19 camas a esas 131”.

“Externalizar doentes”

Ante isto, Cortés Ayaso denunciou que o que se pretende “é externalizar doentes e implicar máis o servizo de hospitalización a domicilio (HADO), contando coa colaboración de Atención Primaria e dos Puntos de Atención Continuada”.

Unha externalización para a que a Xerencia tampouco xustificou “nin os recursos humanos –persoal médico e de enfermería- nin os medios materiais –vehículos- necesarios para garantir a continuidade da asistencia ás/aos doentes”, máis cando o servizo de HADO na área sanitaria de Compostela se ampliou á zona de Lalín.

Prevención de riscos

A Comisión de Centro Especializada denunciou, canda isto, que a día 11 de setembro, a Xerencia “foi incapaz de presentarnos un informe realizado pola unidade de prevención de riscos laborais  para garantir as condicións de traballo e seguridade das e dos profesionais  e garantir unha atención individualizada, continua e cunhas instalacións que proporcionen confort e comodidade tanto a doentes como a familiares”.

Entenden que a Xerencia pode organizar e estruturar os servizos da forma que consideren que son máis eficaces, mais tamén afirman que non é de recibo que, a día de hoxe, non se dera resposta á súa demanda de información relativa a prevención de riscos.

Un informe no que, lembraron, ten que figurar “se as habitacións cumpren a normativa (mobiliriario do enfermo e familia; aseos: medidas do habitáculo e porta, algúns con bañeiras, outros con pratos de duchas...) e onde se recolla se os postos de traballo cumpren a normativa (despachos: médicas/os; psicólogas/os; supervisoras/es; secretarias/os; sala de dor...)” e polo que aínda agardan.