Denuncian que o Santander “abre chiringuitos” mentres manda persoal á rúa e obriga a clientela a facer cola

CIG-Banca mobilízase en Vigo contra o ERE que destruirá 370 empregos e pechará 79 oficinas en Galiza

Vigo -

A federación de Banca da CIG desenvolveu hoxe unha mobilización contra o ERE do Banco Santander coincidindo coa inauguración en Vigo dun “work café” por parte da entidade financeira para denunciar que a dirección “abre chiringuitos” mentres manda persoal á rúa e obriga a clientela a facer cola. Neste senso, lembran que os plans do Santander contemplan o despido de 370 persoas e o peche de 79 oficinas no noso país.

Durante a protesta, que se prolongou de 11:00 a 13:00 horas, despregouse unha faixa na que se podía ler “Non ao SantandERE" e berráronse consignas como “Coffee shop no Santander e a clientela sen atender”, “Máis persoal, menos work café, que no banco non sobra ninguén” ou “Á clientela hai que atendela”.

Os traballadores/as e delegados/as da CIG que participaron na mobilización recibiron o apoio dalgúns/has hostaleiros/as da zona, que expresaron o seu malestar polo feito de que o Santander opte tamén por facerlles a competencia nun contexto de alerta sanitaria que está a causar un forte impacto sobre o sector.

Dende a CIG-Banca censuran que estes “chiringuitos” non fan máis que afondar na falta de atención, nomeadamente á xente maior ou á xente que non dispón de medios dixitais “para manexarse neste mundo tecnolóxico que se nos impón”, ao tempo que sinalan que non están pensados para a clientela de toda a vida; “esa clientela que xa non lle importa á dirección da entidade, salvo para acribillala a comisións”.

Cinismo e falta de vergoña

Nese senso, critican que a presidenta do banco, Ana Patricia Botín, declare “cun profundo cinismo e falta de vergoña” que queren conseguir que “los clientes no tengan que ir a la oficina, sino que quieran ir a la oficina”. Na CIG retrúcanlle que a clientela si quere ir ás oficinas, “de feito reclámao todos os días” e sosteñen que as traballadoras/es das oficinas queren atendela porque queren conservar os seus postos de traballo e non ser expulsadas/es do banco forzosamente con ERE ou externalizacións a outras empresas.

Pero o Santander segue a pechar oficinas de proximidade, reducindo horarios de caixa “e facendo que a clientela teña que trasladarse dende a súa sucursal de toda a vida cara a outra punta das cidades ou mesmo cara a outros concellos para poder facer as xestións que precisan”.

Por iso consideran que o obxectivo real do banco, “revestido de palabrería barata e falsa modernidade coa complicidade dos supervisores estatais e europeos -Goberno, Banco de España, CNMV, Banco Central Europeo, etc- é crear unha banca para as empresas e os negocios, “expulsando á clientela aforradora, sobre a que se edificou o banco, e liquidar os cadros de persoal”. En consecuencia, a CIG seguirá a reclamar emprego digno na nosa terra e velará polos dereitos da clientela.

Volver