• Nova

Denuncian que o Concello de Ourense deixa desprotexido o persoal das concesionarias de servizos

As traballadoras do SAF e as da limpeza de dependencias municipais carecen de medios axeitados
Ourense - 02 Abr 2020

A Unión Comarcal da CIG de Ourense denuncia que o Concello está a deixar desprotexido o persoal que traballa nas concesionarias de servizos, que teñen que desenvolver o seu labor sen os medios axeitados. As traballadoras do SAF xa alertaran desta situación, “pero as da limpeza de dependencias municipais atópanse tamén con esta problemática”.

Dende a central critican que mentres os responsábeis municipais “sacan peito” diariamente pola protección que lle están a dar ao persoal laboral e funcionario propio, “outros servizos municipais cuxa realización corre a cargo de empresas privadas que teñen a concesión dos mesmos, realízaos persoal, na súa maioría mulleres, sen medios de ningunha clase que as protexan do contaxio do virus”. 

Mentres os responsábeis municipais sacan peito pola protección que lle dan ao persoal laboral e funcionario, outros servizos a cargo de empresas privadas concesionarias realízaos persoal sen medios de protección

Lembran as traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio alertaron “dende o primeiro día” a falta de medidas de protección, “pero o persoal que fai a limpeza das dependencias municipais, da empresa Onet Iberia Soluciones atópase nunha situación de desprotección “practicamente idéntica”.

Dende o comité de empresa sinalan a escaseza -"cando non a falta absoluta"- de medios como máscaras, luvas adecuadas, gafas ou pantallas, xel desinfectante ou puntualmente prendas de un só uso, dáse en todos os centros de traballo atendidos polo persoal de limpeza, mais en determinadas instalacións como Bombeiros, Policía Local, Protección Civil ou Albergue a situación é aínda máis sangrante”.

Até o punto de que moitas traballadoras levan máscaras da súa casa, que lavan e reutilizan. E son os bombeiros e os policías locais os que llas facilita nalgúns casos, “mentres a empresa asegura que non é quen de conseguir material”.

Ao mesmo tempo, indican que no Albergue hai un usuario en réxime de illamento, derivado do CHUO, “e as persoas que limpan as instalación non teñen a protección necesaria para esta situación de confinamento”.

Diante de todo isto, o Concello, en definitiva o principal responsábel da situación, “mira para outro lado, como se houbera categorías de traballadores; a consideración e recoñecemento que estamos vendo co persoal de limpeza dos centros hospitalarios non a percibimos nós con este Concello; e a saúde destas persoas é tan importante como a do persoal funcionario e a dos membros da Corporación”, polo que esixen a implicación do Goberno local e a apartación de medios de protección.