O Concello de Ourense «permite e participa» no reparto «mafioso» de contratos na recollida do lixo

Ecourense incorporou 8 persoas para cubrir vacacións, unha delas familiar do responsábel do sindicato que participa no proceso
Ourense - 04 Mai 2020

Os sindicatos CIG, UGT, CCOO e CSIF, que suman 7 dos 9 membros do comité de empresa de Ecourense UTE, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria de Ourense, denuncian “irregularidades moi graves” no sistema de contratación de persoal e acusan o Concello de “permitir e participar” no reparto “mafioso” de contratacións.

Segundo explican, o proceso faise mediante un sistema “perverso” de reparto de cota. “O reparto de poder para realizar contratacións é o seguinte: un 50% reservado a un pseudosindicato (con 2 representantes no comité) denominado Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), que contrata mediante unha suposta empresa de economía social -Asociación Impulso ao Emprego (Imprego)- que seica ten como obxectivo conseguir traballo a persoas en situación de risco de exclusión social. O outro 50% repártese entre medio dun difícil equilibrio de poderes e influencias: cargos directivos, encargados/as e o propio Concello de Ourense”.

O sistema de reparto induce a contratar canto máis persoal precario mellor

Deste xeito, cada grupo de control da contratación de persoal obtén un beneficio diferente: “nalgúns casos son réditos políticos, persoais e, en definitiva, control da vontade das persoas contratadas, que pasan a engrosar as ringleiras de quen debe favores que nunca se acaban de pagar”. No caso da empresa “pantalla” Imprega, cuxos listados de persoas contratadas son xestionados integramente polo “pseudosindicato” STL, teñen unha “dobre peaxe”: unha económica, xa que cada persoa contratada a xornada completa debe pagar unha cota de 63,50 euros mensuais; e por outra parte, contratados/as e familiares que xa estaban no cadro de persoal de Ecourense deberán afiliarse ao referido STL.

Dende as centrais sinalan que este sistema induce a que, para agrandar beneficios e ampliar ao máximo o círculo de persoas que deberán amosar “agradecemento eterno ao seu mentor”, se contraten a cantas máis persoas mellor. “Moitos traballadores/as con contratos precarios; así, o círculo de influencia é maior”. Ecourense tiña 164 persoas contratadas en maio de 2016, 168 no mesmo mes de 2017 e 161 en 2018; “curiosamente, en maio de 2019, cando comezou a poñerse en práctica o negocio o cadro de persoal chegou aos 204 traballadores/as; e en maio deste ano, en pleno período de ERTE e destrución de emprego, hai 217 persoas contratadas, case un terzo máis que hai catro anos”.

Familiares beneficiados/as

De feito, mentres preto de 18.000 traballadores/as de Ourense están en ERTE, e logo de destruír máis de 1000 empregos só no mes de marzo, Ecourense acaba de contratar o pasado sábado a oito persoas até o 30 de setembro para “cubrir vacacións”, cando neste momento ningunha persoa da empresa as está gozando. “Curiosamente, unha das persoas beneficiadas deste contrato precario é a filla de Xoán Marcos Pérez Pego, responsábel do sindicato STL, moza que, afortunadamente para ela, non se encontra en situación algunha de risco de exclusión social”.

Lembran que o artigo 33.8 do convenio de Ecourense establece que no caso de que a empresa precise ampliar xornadas por necesidade do servizo, incluso o período vacacional, recorrerase ao persoal de fin de semana, a condición de que cumpran os requisitos esixidos. “Esta cláusula está sendo incumprida reiteradamente co beneplácito do Concello de Ourense, polo que non descartamos acudir aos tribunais de Xustiza, tanto no ámbito do Social como explorar a vía doutras xurisdicións, dado o papel de cómplice necesario do Goberno local”.

Finalmente, indican que os feitos denunciados “son graves de por si, fose cal fose a empresa, pero máis repugnantes son ao tratarse dun servizo público, pagado co diñeiro de toda a cidadanía de Ourense. Non se pode desplifarrar o diñeiro público, nin sacar da contratación nunha concesión pública obscenos réditos económicos, políticos e persoais”. Por iso esixen a municipalización do servizo, ou, no seu defecto, a creación dunha empresa pública para a súa xestión e a implementación dun sistema de contratación transparente e con control municipal.